Alfredo Brañas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

Graduaciones, esta semana pasada, de alumnos del instituto Alfredo Brañas
Graduaciones, esta semana pasada, de alumnos del instituto Alfredo Brañas ANA GARCÍA

11 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando eu cheguei ao instituto Alfredo Brañas de Carballo para cursar primeiro de BUP, hai xa unha eternidade (1984) sorprendeume para ben a enorme diversidade que me atopei. De ter compañeiros de Baio, Anos, Bamiro, Tines ou O Allo, ese minúsculo arredor de si que explica máis o universo infantil que o literario de Otero Pedrayo, pasei a coñecer a rapaces de Corme, Ponteceso, A Silva, Vimianzo, Malpica, Entrecruces, A Laracha, Coristanco e, por suposto, Carballo. Foi un espertar con 14 anos (nunca entendín moi ben iso de poñer a secundaria nos 12) a toda unha comarca que descoñecía e que tan ben me faría pasando os anos. Ben en todos os sentidos. Tamén foi unha loita, a de todos: non era doado pasar dunha clase de 19, nun único oitavo no Labarta Pose de Baio, a oito primeiros a razón de 40 alumnos cada un. Tremendo. Loita, pero con froitos, dos que marcan a vida e dos que tantos poden falar, empezando por Jorge Mira. Os tempos mudaron, son outros. Fixeron institutos por moitos lugares, e todo foi máis doado. Os novos alumnos xa non tiñan que saír da casa ás 7.30 coma nós, e volver ás 20.00, así de luns a venres. Moito Finisterre. 

Aquela diversidade é hoxe outra. Leo na revista do centro, Pomba Dourada, da man de Xan Fraga, que este curso houbo 657 alumnos entre ESO, Bacharelato e ciclo superior de comercio internacional. Deles, 78 naceron fóra de España. Colombia, Cuba, Filipinas, Marrocos, Venezuela, Brasil, China, Suíza, Arxentina, Paraguai, Chile, Portugal, Romanía, Italia, Etiopía, Perú, Uruguai, Andorra e Cabo Verde son as orixes. Seguro que para ben, tamén, porque todo suma. Oxalá dentro de 40 anos alguén o lembre así.