
Axenda diaria | A xornada será sumamente intensa na comarca, con propostas de cabo a rabo, ata a fin do mundo
07 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Ademais das aperturas de exposicións no faro Vilán e Cee —ver aquí e aquí—, e ademais do Albaroque de Berdillo e o Xantar da Milagrosa —ver abaixo—, ou de Feirauto en Baio, tamén outras citas para este sábado na Costa da Morte:
Carballo • Bulirá a actividade nas rúas, enfilando despedida o festival de arte pública Rexenera Fest, que ademais inclúe a segunda parte do obradoiro «Retrato Freak» con Yoseba MP. Concluirá tamén a Semana do Medio Ambiente, coa ruta Contos mariños de Carballo, guiada por Xabier Maceiras e con saída da Furna Furada. Os inscritos partirán en bus dende a rúa Perú carballesa, ás 10.00. Finalmente, verá moita actividade se pasa pola Praza do Concello: hoxe é o día grande da campaña Que rule, Que rule!, do Centro Comercial Aberto. Funcionará a ruleta de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, con máis de 1.300 premios directos.
Por se fose pouco todo o anterior, e a maiores das citas deportivas co autocross ou o 3x3 Baloncesto, acolle Carballo tres citas ligadas ao San Xoán. Ás 17.00, no parque da rúa Camelias, festival de fin de curso de English Rocks; ás 19.30, no mercado municipal, exhibición de capoeira; e xa ás 21.00, PreSanXoán Rúa da Estrela, unha sesión de DJ’s prevista na zona Rego da Balsa.
Malpica • Ás 12.00 horas, no Centro Artesanía e Tradición de Buño, presentación do libro Cancioneiro Galego Serodio, de Xabier Díaz. Actuarán as Cantareiras de Raigañas.
A Laracha • Día do Deporte organizado polo Concello, de 10.00 a 13.30, nas pistas polideportivas, no pavillón do IES Agra de Leborís, na praza Les Sables e na explanada da piscina. Actividades deportivas, recreativas, físicas dirixidas, exhibicións... Tamén será día de Foliada coa asociación Santa María de Torás, que festexa o seu XLIV aniversario: na Praza do Concello, sesión vermú ás 13.30, xantar e foliada dende as 18.00. Logo, ás 21.30, actuación de Fransy González e Davide Salvado.
Ponteceso • Comeza a programación fin de festa da campaña comercial en marcha dende hai uns días. De 11.00 a 14.00 horas, tren turístico con paradas no Recheo, O Cruce, Campo da Feira, Casa da Cultura e A Pesqueira. Actuará O Tren da Unha ás 13.30, haberá polbeira a mediodía, inchables e animación infantil pola tarde no Campo da Feira, e tren de novo de 16.30 a 20.30. Pechará o día, de 20.30 a 23.30 horas, a discoteca Impacto.
Brantuas (Ponteceso) • Festéxase a 30.ª edición da Festa do Raxo, con actividade dende as 10.00. Misa, baile e pregón precederán á vermú co Trío Alborada e a discoteca Impacto. Logo, a degustación, que tamén incluirá polbo e empanada e, dende as 18.00, verbena madrugadora de novo con Impacto e Alborada. Carpo baixo carpa. Organiza Nosa Señora do Faro.
A Pereiriña (Cee) • Xente da Tralla festexa hoxe a súa Festa do Porquiño. Pasarrúas co grupo Petaforte, macrosesión vermú con MM, La Mega CDC e Aché e gran asado de porquiño ao espeto ás 14.00. A ración, a 15 euros, con viño de balde. Inclúe porquiño, cachelos e criollo. Haberá servizo de pulpeira para comidas e ceas, así como inchables e animadores para os pequenos e gran verbena coa Panorama, Aché e La Mega CDC. A Panorama chegará por vez primeira á Costa da Morte co seu escenario de 63 metros cadrados.
Muxía • Programa Escora Danza, da Deputación. Ás 12.00, no Edificio de Servizos Múltiples, obradoiro de danza con Elsa Pereira, aberto á veciñanza. Ás 18.30, con saída da biblioteca, roteiro Deriva Senso_Sonora. Ás 20.00, intervén Elsa Pereira de novo no Cabo da Vila, e pechará o concerto de Mourae: Uma manhã que de ontem chega. De chover, pasaríanse as citas da tarde á sala Gervasio Sar.
Fisterra • Festas do Buen Suceso: ás 18.00, festival de Danza na Praza da Constitución, organizada por Barlovento; ás 19.00, percorrido polo pobo das charangas O Son dos Michos e Santa Compaña; ás 22.30, D’Festa e Full. O Bela Fisterra acolle de 17.00 a 20.00 o III Encontro Enoliterario: libros e viño da terra.
Berdillo e A Milagrosa, capitais da vecindade
Hoxe • Carballo non terá parada este 7 de xuño. Ademais das citas previstas en torno ao casco urbano —ver á esquerda—, tamén serán epicentros de actividade Berdillo e o barrio da Milagrosa.
No primeiro dos casos, as asociacións cultural e xuvenil Arume festexan a que será a 43.ª edición do seu Albaroque, un fin de curso pleno de identidade e de orgullo de pertenza que pretenden seguir legando ao futuro, de aí o lema Agora e sempre. Logo dunha véspera con xogos populares, o groso do programa chegará hoxe. Ás 11.30 será a quenda da Escola de Bailes e Música Tradicional de Arume. Chegarán logo, a iso das 13.00, os Cantos de Taberna, tamén alumnado de Arume.
Antes do xantar, sobre as 13.15, intervirá o Coro Aires de Bergantiños, habitual colaborador, e ás 13.30 arrincará unha sesión vermú tamén da casa, neste caso con exhibición de bailes latinos. A comida irá a base de sardiñas e pan (14.30) e para a primeira hora da tarde (17.00) quedará o Albaroquiño, co espectáculo de maxia do carballés Álex Louzao: Por arte de birlibigote. Mostras de ximnasia rítmica e zumba precederán a terceira edición do festival Son Pineiro, dinamizado pola charanga Benofán e, dende as 20.00, por O Tren da Unha.
Da outra banda, no activo barrio da Milagrosa, o que hai previsto é a cuarta edición dun Xantar promovido pola ACD Milagrosa, no pavillón do colexio Xesús San Romero. Tan só este apartado gastronómico require de billete —e xa había hai uns días máis de 300 inscritos—, pois tanto a sesión vermú como o tardeo estarán abertas a quen queira achegarse. Os DJ Frank Stone, Kelsier e Sara Pose encargaranse do apartado musical, nunha cita que tamén irá anticipando o ambiente de San Xoán. Entre os sorteos de agasallos, este ano un moi especial: unha viaxe a Gran Canaria para dúas persoas.