
A banda Paracetafolk, case 100 % da Costa da Morte, vén de gañar o Martín Códax como Artista Emerxente
30 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A gala dos Premios Martín Códax da Música deixou tres galardóns para a Costa da Morte. Faia Díaz, na categoría de música tradicional; De Ninghures, en folk, e Paracetafolk, como Artista Emerxente. Paracetafolk son Adrián Suárez (Almozara, Santa Comba), Ángel Mourelle (Santa Comba), Xairo Campos (Carballo), Raquel Piñeiro (Culleredo), Ángela Pardiñas (Langueirón, Zas), Tomás Lagoa (Lires, Cee), Kevin Canosa (Leis, Muxía) e Brais Varela (Carballo). Falou Ángel onte en Radio Voz:
—Como está o corpo?
—Non o criamos xa sendo finalistas... Alegría inmensa.
—Que fai Paracetafolk?
—Maioritariamente temas de base tradicional, ás veces con arranxos propios, outras cancións enteiramente nosas. No directo si mesturamos algún tema tradicional con algo de pop-rock... A formación actual, coa que presentamos os temas que nos levaron ao premio, é nova, deste mesmo ano. O ano pasado tivemos algún concertiño, daquela como quinteto e máis tradicional.
—Vólvese valorar o noso, dende unha visión contemporánea.
—Pois pode ser, aínda que nós quizais non imos tan alá. Non chegamos ao punto de mesturar con electrónica, por exemplo. Mantémonos aí, se vén en arranxos ou harmonía intentamos modernizar algo.
—Herdanza das cantareiras.
—O recoñecemento para elas está a ser importante. Xa coas Letras, recoñecemento académico, pero tamén se está volvendo poñer en valor, volviu aparecer xente nova nas foliadas. Están cheas.
—Móvense entre os 21 e os 27 anos. Como se coñeceron?
—Adrián, gaiteiro, e eu coñecémonos de sempre, e fomos sumando. Un dos percusionistas e a cantante fichámolos en foliadas, e logo outros que nos coñeciamos do Conservatorio, ou de cadrar a tocar...
—O premio chega no mellor momento. Hoxe estrean «Varilongo», unha nova peza. Algo terá que ver coa mina.
—Si, foi unha das presentadas, xunto con Debaixo das cerdeiras, e aínda non estaba publicada. É un tema baseado en coplas que en Santa Comba son famosísimas, e das que non atopamos moitas versións. Fainos ilusión que saia agora a canda o premio.
—Hai disco no horizonte?
—É un proxecto en mente, e estamos preparando as pezas, pero primeiro teñen que vir as actuacións. Gravar e todo iso, para grupos pequenos, é un esforzo moi grande. Por iso cremos que hai que apostar por xente que está comezando, darlle valor e a oportunidade de amosar o que fai nun concerto máis longo ca dúas pezas.