
A comarca érguese nunha celebración colectiva, dende Cerceda ata Fisterra. Nesta axenda, as principais citas. Acolle Malpica o plenario da Real Academia Galega
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ademais do concurso de debuxo e pintura Luís Calvo en Carballo, e da inauguración do mural dedicado ás cantareiras en Cerceda —ver páxina 9—, todas estas propostas neste Día das Letras:
Epicentro en Malpica. Ademais dos actos institucionais da Xunta de Galicia (11.00) e Real Academia Galega (12.00), o Concello de Malpica inclúe na súa programación o terceiro Gran Xantar de Mens. Ás 21.00, no campo da festa, terceira Ruada Nun Mar de Letras, con Carcaxía e Malante, así como Do Rivés e o dúo Caamaño&Ameixeiras.
Presentación literaria e Concerto das Letras en Cee. O mariñeiro ceense Xosé Iglesias ten nova obra, Nao cetácea: recala hoxe con ela na Casa da Cultura da vila da Xunqueira: 19.30. Ás 21.00, no auditorio Baldomero Cores, terá lugar o Concerto das Letras Galegas, coa Banda de Música de Cee. «Contaremos cun repertorio variado, aínda que centrado na música galega, coa participación de gaiteiros (Fran Cives, Néstor Fidalgo, Jano Pérez e Mario Caamaño), bailaríns (Iván Villar e Tomás Lagoa), coros (Coral Polifónica Costa da Morte e coro do colexio Manuela Rial), coa soprano Gemma Román, cantando Lela, e tamén facendo a nosa particular homenaxe ás cantareiras. Para isto contaremos coas Pandereteiras Cabaleiras do Camiño, de Lires, coas que tocaremos e cantaremos A Rianxeira», avanza o director da banda, Fernando Fraga.
Letras e nenos en Fisterra. Xosé Iglesias dará a coñecer o libro Nao cetácea ás 12.00 no Mercado Cultural, onde ás 18.00 se podrá gozar ademais do contacontos Cantando con Pinocho.
Certame, corais e ofrenda floral en Coristanco. Entrega de premios do 12.ª concurso artístico-literario Asunción Antelo ás 12.00, na Casa da Cultura. Ás 12.30, mago Teto. Tamén a Casa da Cultura acollerá ás 19.00 o 20.º Concerto das Letras organizado pola coral Santa Cecilia, coa coral Francisco Añón de Outes e as Pandeireteiras de Cances. A asociación Lourido sumará ás 11.30 unha ofrenda floral ás Pandeireteiras de Valenza: saída dende a Praza.
Andaina co Vákner por Dumbría. Trazado circular, con saída ás 09.30 horas do Conco. Serán 12,2 quilómetros dunha dificultade moderada e con paso polo Marco do Couto, con parada na escultura do Vákner. Tamén pola ermida das Neves ou a Fonte Santa
Voces e artesanía Cabana. Ás 11.00, no auditorio, coral San Martín, coral de Cesullas, Son de Cabana, Cantareiras de Anos, Escola de Teatro, Matilde Vilariño, Pablo Díaz e Icía e presenza da AECC e de Cáritas. Na Escola de Vela, ás 17.00, Primavera artesá con Candela Lema e Tania Martínez.
Tarde de raíz en Corcubión. No campo do Rollo, ás 17.30, Rosalía cantareira, con Jara Ortiz, para público familiar. Ás 18.30, baile con Xaldón. Ás 19.00, tempo para a Universidade Popular e o seu proxecto Transmisión da lingua na poesía popular, tamén unha homenaxe ás vellas Xaviñanas. Actuarán As Xaviñanas Perrachica, As Rinchonas, Caramuxias, os gaiteiros da UP, Nerio...
Obradoiro e teatro en Zas. Pequenos de 5 a 12 anos terán ás 16.00 un obradoiro artístico nas Torres do Allo: Galicia. No auditorio de Zas, ás 21.00, Pan con chocolate, comedia do Colectivo Ollomao. Con acceso de balde.
Galardóns en Camariñas. Na Casa de Pedra, ás 19.00, actuación das cantareiras As Cansorriñas e Mar Devalado. Ás 19.30, premios do certame literario municpial. Ás 20.00 horas, teatro con aAntena e o seu espectáculo Sol fuerza.
Tradición e música en Laxe. No salón de actos, ás 18.00 horas, Amas de Casa e Pandeireteiras da Escola de Música. Ás 18.30, Luís Vallecillo coa obra Neofalante.

As Festiletras do Couto: propostas para todos dende a mañá á noite
Entre o pregón de Fina Casalderrey ás 10.30 horas e o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras e Catuxa Salom das 21.00 horas en adiante, haberá hoxe na aldea pontecesá do Couto un mundo de propostas para todas as idades e públicos. É o festexo do 17 de maio por parte da Fundación Eduardo Pondal, o Semente Festiletras. Obradoiros, libros en galego, artesanía, músicas de raíz, un roteiro teatralizado (13.00), ou foliada infantil e sesión vermú con Bestas irán dinamizando a mañá. Quedarán para a tarde, entre outras cousas, unha Cova Céltica arredor de ibros das Letras Galegas (17.00 horas), ou a entrega dos Premios Bos e Xenerosos (19.00 horas), que este ano recaen na Agrupación Folklórica Aturuxo, en Leilía, Milladoiro e Antón Santamarina. Os galardóns estarán precedidos dunha misa en galego e dunha ofrenda floral colectiva, no monólito pondaliano do Adro. So se require entrada para Xabier Díaz e Catuxa. Programación ao detalle, aquí.
Comidas dos maiores en Cerceda e A Laracha e mesmo noite de aventura
Os Concellos de Cerceda e A Laracha programaron para hoxe as homenaxes aos seus maiores. A Festa da Terceira Idade, no primeiro caso, será no pavillón de Limeisa, das 14.00 horas en adiante. No caso do tributo larachés, misa, xantar e baile e música en directo serán no pavillón do instituto Agra de Leborís, con apertura de portas ás 13.15. Amenizará a sobremesa o directo do grupo Ritmo: serán 650 comensais.
Tamén na Laracha, hoxe, está prevista na Casa da Cultura a representación da obra Unha de romanos, ás 20.30. Será a clausura de curso do grupo de teatro de adultos, con acceso libre. Igualmente nesta localidade bergantiñá, o centro deportivo e social Tempo deseñou para de hoxe unha noite de aventura: ás 20.30 horas, proba de orientación nocturna pensada para desfrutar do deporte, da natureza e da compañía. Os que se acheguen andarán camiños e recunchos de Vilaño, e mesmo tamén o castro de Montes Claros: para a inscrición, 18 euros para adultos e 12 para nenos.
Cita co 17 en Pasarela e Ruta Abentiana máis Serán en Muxía
Como xa vén sendo tradición nos últimos anos, a celebración das Letras Galegas en Vimianzo estará hoxe en Pasarela. Organiza a asociación de veciños, Asvepa, coas actuacións a partir das 17.00 horas de Trubisquiña, Airiños do Río Grande, Jacinto Paredes e acordeóns, Javi Sampedro e Suso Quinito, Pasarela Big Band... Haberá pinchos como de costume, teatro e ademais unha pequena exposición e obradoiro para os máis pequenos. En Muxía, á espera da homenaxe mañá a Eva Castiñeira, esta xornada de sábado traerá unha Ruta Abentiana con saída ás 11.00 do monumento a López Abente, ofrenda floral incluída. Pola tarde, no Cabo da Vila, ás 18.00, Serán das Letras coa coral Virxe da Barca, coro e pandeireteiras Xacarandaina e Abaladeiras. Rematadas as intervencións, foliada libre.
E ademais... O restaurante Canta la Rana acolle un xantar solidario en favor de Vacaciones en Paz, e os veciños de Cereixo (Vimiano) reúnense na Comida Campestre.