Mocidade e lembranza para o centenario da morte de Labarta Pose 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Labarta Pose
Labarta Pose

O acto central do programa conmemorativo promovido polo Concello de Zas será o martes 13 de maio

10 may 2025 . Actualizado a las 23:50 h.

Martes, 13 de maio • Foi o 13 de maio de 1925, por tanto fará a vindeira semana cen anos, cando Enrique Labarta Pose falecía no Hospital Clínico de Barcelona. Fora operado e mellorara logo de ter sufrido importantes feridas no descarrilamento dun ferrocarril, mais con todo non puido chegar a cumprir os 62 anos.

Labarta Pose, ilustre baiés, non foi nunca esquecido na súa terra, onde hai xa máis dun cuarto de século que pelexan para que a Real Academia Galega lle dedique un Día das Letras. Para facer forza nesa pretensión, e sobre todo para conmemorar o centenario do falecemento, é que se organizou un intenso programa que chegará ao seu acto central xustamente o vindeiro 13 de maio, martes da semana vindeira. Será ás 11.00 da mañá, na praza Jorge Mira, organizado polo Concello de Zas. Un dos protagonistas da velada será o alumnado do municipio, chegado dos centros CPI de ZAS, CEIP Labarta Pose e IES Maximino Romero de Lema. Durante o encontro, descubrirase un monumento conmemorativo, realizarse un acto simbólico de enterramento de Labarta e farase unha ofrenda floral parella á lectura do seu poema Que me enterren aló.

Avanza o Concello de Zas, por outra banda, que tamén está confirmada a presenza de varios dos membros da Comisión Labarta Pose para as Letras Galegas, así como prevista a asistencia de Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego; Manolo González, membro numerario da Real Academia, e María Dolores Sánchez Palomino, membro da Comisión Executiva.