![En imaxe de arquivo, unha das Foliadas do Río Grande que xa se teñen celebrado](https://img.lavdg.com/sc/MlKxJWOSWucsnxs7Rr9kvd7s6nk=/480x/2018/11/28/00121543359781393547600/Foto/CN30E1F1_0050.jpg)
Vén intensa a xornada por Bergantiños, Soneira e Fisterra. Citas para todos os públicos, e ben variadas ademais
08 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Sábado 8 de febreiro e moito de alimento para o espírito e o corpo na axenda diaria da Costa da Morte:
Carballo • Ademais do concerto de bandas sonoras coa Banda Municipal de Música —ver aquí—, arrinca hoxe a segunda edición da Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia. Dentro dela, dúas citas. Dun lado, a inauguración da exposición Mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo, ás 12.00 na rúa Coruña. Doutro, Caracole impartirá talleres para nenos e nenas a partir de 6 anos de construción e condución de vehículos Infento: de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00, no mercado municipal. Inscricións en www.carballo.gal, ata esgotar prazas. Igualmente un taller, pero de algo moi distinto —macramé— impartirá Nuria Varela no Casino: de 16.00 a 20.00, cunha pena merenda e 35 euros de custo. Máis datos no 698 129 203. Será, por outra banda, mañá para a doazón de sangue, cunha unidade móbil na Praza, de 10.00 a 15.00.
Igualmente en Carballo, pero en Oza, avanzarán as Conversas do Rural con Senda Nova: ás 19.00, no Espazo da Natureza, recibirán a Juan J. Santos e Luciano Villar, da asociación Conxo Aberto. Falarán da defensa do patrimonio ambiental dende unha entidade veciñal.
Vimianzo • Acolle a Casa da Cultura das 18.30 en adiante a sétima Foliada do Río Grande, promovida por Airiños do Río Grande e Foliada de Salto. As dúas agrupacións terán a compaña de Falcatrueiros de Monterroso, coa que comparten docente de baile, Iván Villar. Se o tempo o permite, ás 18.00 haberá un pasarrúas, e tamén antes os visitantes gozarán dunha visita pola vila, cos Batáns e o castelo como principais puntos. Xa no momento das actuacións, as agrupacións estrearán o espectáculo Os zocos máxicos.
Unhas cantas horas máis tarde, das 00.30 en adiante, estarán pola Sala Soco Eddy e Violeta, de Gran Hermano.Tamén, xa na casa, DJ Rokiño.
Malpica • Ás 19.00 horas, no Fogar do Pensionista da Casa do Pescador, presentación do número 2 da revista As Mallas da Area, publicada pola ACD Mallas de Area.
Muxía • Hoxe, nova parada do programa municipal Lendo Lendas. Na biblioteca Santiago Rey, ás 19.00, Fernando Cabeza Quiles dará a coñecer a súa obra A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia (Edicións Espiral Maior).
Fisterra • Avanza no Bela o primeiro retiro literario Eros en Fisterra. Seis autores escriben outras tantas novelas eróticas, curtas, inspiradas na localidade. Teñen menos de tres xornadas. Tamén hoxe, pero no salón de actos do Concello, ás 20.00, terá lugar a charla Falamos de cancro, cos doutores Chelo Benito Torres e Juan Sánchez Castro. Forma parte da conmemoración do Día Mundial, promove a xunta local e falaranse de cuestións como o cancro e o envellecemento ou a aprendizaxe do pasado para construír futuro. Acceso libre, de balde.
Zas e Cerceda • Baile para maiores no centro sociocultural de Zas, ás 19.00, con Rocío Pérez. A esa mesma hora comezará no centro social do Moucho, en Cerceda.
Caión (A Laracha) • A asociación ambiental Mar de Fábula promove unha nova limpeza na praia das Salseiras, con quedada ás 11.00 no aparcamento. Levan todo o material preciso, mais demandan peneiras extra, dado que o problema deste areal son os pélets, e dende hai anos. É preciso inscribirse —de balde— no correo info@mardefabula.gal.
O Couto (Ponteceso) • Avanza a programación de febreiro da Fundación Pondal, hoxe, ás 22.00 horas, coa celebración da Noite do Amor na Casa dos Veciños. A coral Oliveira interpretará os temas Como hei vivir mañá sen a luz túa? e Ai Amor, mentres que o grupo de pandeiretas da Casa da Muller fará o propio con Lela. Despois, os asistentes gozarán da representación de Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, a cargo do grupo Silvardeiras (Allariz).
Festas e encontros varios en diversas localidades • A asociación de veciños Santa María de Ardaña (Carballo) celebra un cocido de entroido no centro social, con música en directo. Pola súa banda, os de Artes participarán da súa 11.ª Cea-Xuntanza no pazo de Vilar de Francos. En Caión, a cuberto do pavillón de Xermaña, das 13.00 en adiante, Caión Rali promove un cocido popular «memorial Julito». Festexarán San Bras en Santirso (Malpica): pasarrúas, misa, vermú coa orquestra Solara e verbena con Solara, Nueva Fuerza e a discoteca Full.