Unha marea de cocidos e a París de Noia para arrancar febreiro na Costa da Morte

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

A París de Noia, a inicios deste mes de xaneiro, en Seaia, Malpica
A París de Noia, a inicios deste mes de xaneiro, en Seaia, Malpica BASILIO BELLO

O ciclo de cine Amal en Ruta en Carballo e outra multiplicidade de propostas completan a axenda deste sábado día 1

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Comeza febreiro a sábado, e co mes do amor chegan tamén os cocidos. Para hoxe mesmo hai programados unha marea deles. Particular, por exemplo, o promovido polas asociacións de Berdillo, en tanto que non só terán apartado culinario, senón que celebrarán o entroido case que cun mes de adianto: se vai acudir, mellor fágao disfrazado. Será nas pistas deportivas, baixo carpa, e con arranque a base de sesión vermú con O Tren da Unha. Chegará logo o xantar, a iso das 15.00, e para a tarde-noite, con entrada libre, gardarán o baile de carnaval co trío Puzzle, DJ Frankstone e discoteca móbil Impacto.

Dende Cabana, a asociación O Son do Castro poñerase a resgardo do restaurante Tío Paco —As Travesas— para dar conta dun bo cocido que tamén incluirá baile. Irán pola terceira volta, doutro lado, no caso da comisión de festas de Erboedo (A Laracha). A súa Festa do Cocido tamén incluirá sesión vermú previa e festa posterior ao xantar «ata que o corpo aguante». Onde? Pois nun emprazamento emblemático, a discoteca Pazos: «Sobre las abriremos las puertas de la discoteca para el tardeo, abierto a todo el publico, tanto los que vinieron al cocido, como a los que no. Y, muy importante, no vamos a cobrar entrada», publicou o establecemento. Por tanto, de non ter plan, xa sabe. Outro cocido, en sen saír da Laracha: baixo carpa en Estramil, servido por Casa Taboada e con música en directo tras as viandas.

Ana García

E non por este prato, senón por callos, xamón e polo asado, é polo que apostaron na comisión Espíritu Santo de A Silva (Rodís-Cerceda), para festexar hoxe o primeiro Xantar de San Amaro: terán música co trío Alborada e discoteca Impacto. E inchables!

Para verbena, a desta noite en Xaviña, Camariñas. A comisión actual vai enfilando despedida e faino ao grande. Teñen misa ás 13.00 co coro Anduriñas, sesión vermú coa charanga BB+ e verbena amenizada pola París de Noia, unhas mellores orquestras de Galicia, e a discoteca Impacto co DJ Bermúdez.

Amal en Ruta, con segunda proxección hoxe, «reestreou» o auditorio do Pazo da Cultura carballés

«A cultura para min é unha forma de resistencia», afirmou Maruxa Suárez, concelleira de Carballo, intres antes de que comezase, o xoves, a primeira proxección do oitavo ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta. «Vós, dende as butacas, tamén facedes resistencia», afirmou perante o público. O 75 % dos filmes que se verán de aquí ao 20 de febreiro son palestinos, e moi actuais, mais non só responden a este ano ou ao pasado, senón a «décadas de ocupación e opresión». Así o dixo David Rodríguez, director da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, promotora deste encontro, encantado de que sexa este ciclo o que «reestree» o auditorio do Pazo, con butacas e iluminación novas.

ANA GARCÍA

The Teacher foi a primeira ficción en Carballo deste 2025, mais non haberá que agardar moito para a segunda: hoxe, ás 20.00 horas, tamén no Pazo e con acceso de balde, será a quenda de Inshallah Walad: unha nai e ama de casa enfróntase á morte do seu marido, e que á familia deste teña dereito á maioría das súas pertenzas, só por non ter un fillo.

Un sábado multidisciplinar na Costa da Morte

Máis alá de cocidos e verbena:

Caricaturas • Bota a andar o programa de febreiro da Fundación Pondal. A sesión de hoxe será un obradoiro de caricaturas que leva por título Castelao e os nenos, do que tomarán parte alumnos das Aulas Científicas. Imparte Siro López.

MARCOS MIGUEZ

Fruticultura • Seguen as xornadas de poda de Fonteboa e as sesións itinerantes promovidas por Concello de Carballo e Dixardín. Neste caso, tocan en Ramil (Rus), ás 10.00 horas.

Lectura • Avanza o programa Lendo Lendas, iniciativa do Concello de Muxía na biblioteca Santiago Rey. Ás 18.00 horas, presentación da obra Cuniupuyara, de Justo Calviño. Doutro lado, á 12.00, na Capela do Pilar de Corcubión, presentación de Balóns a Corveiro, de Gabriel Riveiro, organizada pola Peña Deportivista.

Doazón de sangue • Unidade móbil en Baíñas (Vimianzo), entre as 10.30 e 14.30 horas.

Baile para maiores • No centro sociocultural de Zas, co dúo Charada, a partir das 19.00.

RegueifaNo local da asociación de veciños de A Agualada, con Antonio de Xornes e Yéssica Nantón: ás 20.30.

Limpeza de praia • Mar de Fábula promove unha na praia dos Muíños, Muxía: ás 11.00.