Axenda diaria | En Carballo bota a andar ás 20.00 horas o ciclo de cine euroárabe Amal en Ruta
30 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Xoves 30 de xaneiro e varias citas na Costa da Morte, ademais da presentación de Os cómaros da vida en Ponteceso (ver aquí):
Carballo • Comezan hoxe as proxeccións da Mostra de Cine Euroárabe Amal en Ruta. Ás 20.00, no Pazo, poderase ver The teacher, longametraxe de ficción dirixida pola palestino-británica Farah Nabulsi: un profesor palestino enfróntase á realidade do conflito de Gaza mentres trata de inspirar aos seus alumnos a través da educación. Acceso libre.
Carballo • Continuará hoxe a campaña de divulgación e sensibilización sobre o colector marrón. Na rúa Coruña intalarase unha carpa dende a que se explicará a iniciativa Ti tes a chave. Pode achegarse quen queira, de 10.30 a 13.30 horas.
Sofán e Muxía • Ambas localidades acollen citas polo Día da Paz. No colexio carballés Gándara-Sofán, carreira solidaria en colaboración con Save the Children (13.00). No Vilarmide-Eduardo Noya de Muxía, ás 11.00, homenaxe a Protección Civil: no Salón do Voluntariado, aberto aos veciños que queiran acudir.
Artes (Carballo) • Tarde de Consello Parroquial, desta volta en Artes, ás 20.00. Encontro para analizar a actualidade e demandas que poida presentar o núcleo.
Caión (A Laracha) • Últimos dous días, hoxe e mañá, para visitar a exposición fotográfica preparada con motivo do cen aniversario da confraría de pescadores. No centro sociocomunitario, de 17.00 a 20.00 horas.