Raquel Ramos, Noelia Papin ou Pepe Domínguez subíronse ao podio esta fin de semana
22 ene 2025 . Actualizado á 05:00 h.A Pobra do Caramiñal acolleu o sábado o XXXVIII Campionato Xunta de Galicia de Campo a través máster, no que brillaron varios atletas da zona. O resultado máis destacado, quizais, foi o da corcubionesa Raquel Ramos, do club Olimpia, de Cee. Foi sexta na clasificación xeral, na que participaban mulleres desde os 35 anos. E gañou na súa categoría, a máster 50, completando os 5.300 metros en 23 minutos e 9 segundos. Xusto detrás dela cruzou a liña de meta a fisterrá Noelia Papín, do Dawako Athletics, tamén na mesma categoría.
A gran marca de Raquel non foi o único éxito dun Olimpia que logrou a prata por equipos na franxa de idade 45-50 anos grazas ao traballo combinado de Raquel, María José Traba, Yolanda Moledo, Marta Sanz, Carmen Lema e Guadalupe Lema. Entre eles, brillou tamén Jorge Lariño, sexto clasificado na xenerala tras completar os 5.300 metros en 18 minutos e 32 segundos.
Alegrías que compensaron un día aciago, pois, pese ao temporal, os atletas desprazados ata A Pobra non tiveron a oportunidade de ducharse ata o seu regreso a casa.
Prata para Pepe, do A Silva
Un dos rostros máis recoñecibles do club Atlética A Silva-Ordes tamén logrou un grande éxito esta fin de semana. Tratouse de José Domínguez Caballero, Pepe, que en Ourense conseguiu a medalla de prata no Campionato Galego Máster de Combinadas, na modalidade de pentatlón, na categoría máster 50-59. Logrou unha gran marca de 3215 puntos, que ademais de para subirse ao podio, serviulle para superar a mínimo de cara ao Campionato de España, que terá lugar en Antequera o sábado 1 de marzo.