O goberno municipal de Ponteceso vén de asignar unha nova persoa para garantir o seu funcionamento
16 ene 2025 . Actualizado a las 18:29 h.«Con gran satisfacción» fixo público este xoves o Concello de Ponteceso a próxima reapertura do Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte, o Maccmo de Corme. Será o luns 3 de febreiro, «unha reapertura especialmente significativa», segundo dá traslado o consistorio nun comunicado, dado que levaba pechado dende finais de verán. Para que isto sexa posible, o goberno municipal vén de asignar unha nova persoa para garantir o seu funcionamento e, por tanto, que veciños e visitantes volvan gozar deste espazo cultural, renovado, «que volverá ser un referente cultural para toda a Costa da Morte»: «O goberno local busca darlle continuidade ás visitas no museo». Foi inaugurado en abril do 2012 da man da Fundación Torre-Pujales.
Entre o 3 de febreiro e o 11 de abril, o museo estará aberto os martes, mércores e xoves en horario de mañá, de 10.00 a 14.00. Tamén será así os venres, mais engadido esa xornada un horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. O acceso será de balde, «reafirmando o compromiso do Concello de Ponteceso coa democratización da cultura e o acceso público ao patrimonio artístico». As visitas de grupo, no entanto, deberán ser reservadas a través da sede electrónica do consistorio, dispoñible na súa páxina web. Facilítase tamén un teléfono do museo, co que se pode contactar ante dúbidas, e que é o 881 984 665.
Segundo o Concello, o Maccmo recuperará así o seu papel como punto de encontro para a creación e difusión cultural na comarca. Atesoura verdadeiras riquezas artísticas.