Uns 250 negocios da Costa da Morte adheríronse ao Bono Activa Comercio este ano

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

O crédito dispoñible esgotouse en apenas cinco días, no entanto

08 may 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Nin cinco días durou o crédito habilitado pola Xunta na quinta edición dos bonos Activa Comercio, que ofreceron ata 30 euros de desconto aos afortunados que puideron trocalos a tempo nos establecementos adheridos.

Dous desas tendas foron a mercería Avelaíña e a xoiería Cristóbal, ambos na Laracha, polas que onte se pasou a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, para valorar o «éxito» da campaña. Foi tal, dixo a responsable autonómica, que os 2,5 millóns que había de crédito esgotáronse nun dicir amén.

Os comercios interesados en participar na campaña puideron anotarse desde o pasado 16 de abril, e na Costa da Morte, segundo a web oficial habilitada pola Administración autonómica, foron 245 os negocios adheridos: 92 en Carballo, 51 en Cee, 18 na Laracha, 16 en Zas, outros 16 en Camariñas 15 en Vimianzo, 14 en Ponteceso, 7 en Fisterra, 5 en Malpica, 4 en Cerceda, 2 en Laxe e 1 en Coristanco. En Corcubión, Dumbría, Muxía e Cabana non consta ningunha tenda apuntada.

Tal aceptación por parte dos empresarios pon de manifesto, segundo Belén do Campo, «a utilidade desta proposta para o comercio local». A mecánica era sinxela: os usuarios tiñan que descargarse un pase que contiña 30 euros de crédito, por compras de 20 a 30 descontábanselles 5, de 30 a 50 restábanselles 10 e por importes superiores aos 50 a rebaixa era de 15.

Descargáronse 300.000 bonos e mobilizáronse 12 millóns de euros en compras, informa a Xunta de Galicia.