Experiencias

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

CARBALLO

Vacas, nun prado.
Vacas, nun prado.

27 mares 2024 . Actualizado ás 15:17 h.

A foca gris da costa británica de Cornualles está en perigo de extinción porque as femias preñadas séntense ameazadas pola presenza de turistas a certa distancia que as acosan con cámaras de fotos, facendo un balbordo que estraga o son natural das ondas sobre as rochas, o silencio necesario no que levan xeracións vivindo.

Esa incómoda e antinatural situación provoca un estrés que lles causa o aborto das criaturas que levan dentro, e que tamén impide o normal apareamento das parellas.

Non son a única especie que sofre o estrés causado por este novo tipo de turismo, que ben fan persoas por conta propia, ben a través de organizadores turísticos. É tamén unha atracción darse baños con golfiños ou safaris masivos entre animais salvaxes. Algo parecido aos que van ao rural a desconectar da súa complicada vida urbana, irrompendo na paz do agro, e molestándose polos sons dos animais ou as súas defecacións.

A natureza ten unhas pautas de comportamento que levan séculos funcionando, e que ben polas modas, ben polas redes sociais, os novos urbanitas pretenden interromper, levando costumes urbanas.

Fartas de ver pedras e monumentos, moitas persoas buscan o seu momento de gloria para gabarse ante as súas amizades ou ben publicando extravagantes imaxes nas súas redes, e para isto mestúranse con especies que, para sobrevivir en paz, non necesitan aos humanos.

Moitas veces, promovido por axentes que venden experiencias únicas. Algúns incluso locen a bandeira da defensa da natureza e dos animais. Debemos deixar en paz o noso rural e a nosa natureza e respectar as súas normas vitais.