Correndo pola Costa da Morte crece na súa novena edición

Melissa Rodríguez
melissa r. s. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Fabián Canosa, edil de Deportes de Camariñas
Fabián Canosa, edil de Deportes de Camariñas ANA GARCÍA

Case 900 atletas tomarán a saída do circuíto en Camariñas

06 mares 2024 . Actualizado ás 19:46 h.

O noveno Circuíto Correndo pola Costa da Morte pechou inscricións cun balance moi positivo. Case 900 persoas, 893 para ser exactos, apuntáronse para a primeira proba, que se celebrará este domingo en Camariñas , das que 655 tamén se anotaron para as demais carreiras nos outros nove concellos que impulsan esta iniciativa comarcal, o que é unha porcentaxe a ter en conta: o 73,35 %.

Ambas as cifras totais son superiores ás do pasado ano: 71, no caso da cita camariñá, e 35, para o circuíto. Pero é que, ademais, nas distintas categorías que irán tomando a saída desde a lonxa vella da vila do encaixe, en todas menos no percorrido de 3 quilómetros, incrementáronse os números respecto da anterior edición. Sobre todo, no traxecto 10K, con 33 corredores máis (o máis numeroso), e tamén na modalidade sub-12, con 27. En 3K, apenas son 13 menos.

O concelleiro de Deportes en Camariñas, Fabián Canosa, valorou de forma moi positiva este crecemento, tendo en conta que é unha iniciativa que vén de anos atrás e que, por norma xeral, adoita estabilizarse. «Está claro que é un escaparate para que a xente se poida enganchar á práctica deportiva. A veciñanza conciénciase neste sentido, e os máis novos seguen sumándose», destacou.

Para coñecer o tempo exacto que acompañará na xornada inicial, haberá que agardar: «Polo momento, as previsións din que o día non estará soleado e pode que haxa algo de choiva, pero aínda pode cambiar», comentou.

O gañador absoluto do circuíto 2023, o camariñán Fran Pais, volverá loitar polo título en 10K, do mesmo xeito que a vixente campioa feminina, a muradá Tina Fernández.

INSCRITOS

Carreira de Camariñas

Categoría / Apuntados

Fila 0 (só solidaria) 6

Sub-12 71

Sub-10 60

3K 195

Sub-14, sub-16 e sub-18 82

10K 367

Pitufos 112

Total: 893

Total circuíto: 655