Manuel Verdes: «A empresa é máis consciente da súa responsabilide social»

Antón Lestón Lago
aNTÓN LESTÓN CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A mecatrónica industrial ou o mantemento electromecánico, das formacións máis demandadas para traballar nunha planta

04 mar 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Para exercer o excelente traballo que se realiza en Sogama fan falta traballadores cualificados. E nesa educación é imprescindible o labor do carballés Manuel Verdes, dinamizador de formación profesional dual da Xunta de Galicia e asesor da Sociedade Galega do Medioambiente para as titulacións dos traballadores.

—Que é un dinamizador educativo?

—É unha figura pola que a consellería de Educación apostou hai cinco anos. Realmente son representantes asesores que fan de enlace entre a Administración, os colexios e as empresas. O obxectivo inicial era detectar as necesidades das empresas para crear ciclos formativos relacionados con esas necesidades. Pero o mundo da empresa evoluciona e asignáronsenos máis funcións. Entre elas, a acreditación de competencias, que serve para detectar que traballadores teñen experiencia, pero non titulación, e axudámoslles a conseguir esa titulación.

—A sostibilidade, a ecoloxía e o coidado da contorna cada vez toman máis importancia nos plans formativos das empresas?

—Si, porque as empresas cada vez toman máis conciencia da responsabilidade social corporativa. E un dos principios desa responsabilidade consiste en ter persoal cualificado e sensibilizado coas cuestións medioambientais.

—Como se consegue que o titulado sexa tamén sensibilizado?

—Dalgunha maneira, no momento en que o traballador fai o esforzo de enfrontarse ao proceso de acreditación xa está amosando un interese. Que fagan esa contribución persoal a mellorar a súa carreira profesional e a comprometerse coa empresa, amosa unha sensibilización e unha implicación evidente. Por exemplo, en Sogama, falando de medio ambiente, o poder de convocatoria foi do 95 %. Os únicos que decidiron non facer a formación eran persoas moi próximas á xubilación.

—Que traballo realizades con Sogama?

—Necesitaban alumnado para mantemento dentro da propia planta. O perfil era un ciclo superior de mecatrónica industrial. Entón, o noso profesorado achégase a empresa e pregúntalle aos responsables que especificacións queren incluír nas materias para que os alumnos cheguen o mellor preparados posibles as prácticas. A Sogama, por exemplo, interésalle que dentro dese ciclo tamén se dea unha pequena formación en cuestións medioambientais.

—Cales son as formacións máis demandadas para traballar nunha planta de tratamento de residuos?

—Sobre todo mecatrónica industrial, pero tamén mantemento electromecánico ou programación informática.