Dumbría coñeceu todos os segredos do Monte do Pindo

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Máis de 70 persoas acudiron á presentación da obra publicada por Modesto e Nieves García

25 dic 2023 . Actualizado ás 15:48 h.

«Hoxe temos unha presentación moi especial para Dumbría», avisaba o Concello este sábado pola mañá. Referíase o consistorio á posta de longo do Monte do Pindo ao descuberto: rutas e lendas, recente publicación de Modesto García Quintáns e Nieves García Centeo, pai e filla, dumbrieses. Respondeu o público e os veciños, pois ata o edificio Bitácora do Ézaro achegáronse esa mesma xornada pola tarde máis de setenta persoas, excelente acollida que o consistorio celebrou, en tanto que o que se presentaba é unha análise moi completa e intenso do Monte Pindo: desde a súa xeografía á súa hidrografía, minería, fauna, historia ou poboación. Moito se ten escrito do Pindo, pero esta obra vén concentralo todo, toda a información que nos últimos anos ha ir recompilando García Quintáns, enxeñeiro topógrafo, e á que axudou a dar forma tamén a súa filla, xornalista e historiadora. Xornadas antes desta presentación, Dumbría acollía outra tamén ligada á vida local, a obra sobre Pérez Maroño escrita por Braulio Pérez.