Máis de 26.000 euros de investimento para dinamizar o consumo local na Costa da Morte por Nadal

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Só o Concello dá Laracha xa inxecta este ano case a metade do total

14 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Comprar no comercio local sempre ten vantaxes. Xerar emprego e dinamizar os municipios son só algunhas delas. Con todo, facelo en Nadal cobra, aínda, maior relevancia. É unha época importante para os establecementos, pero a maiores, se se atende ao peto dos clientes, estes tamén atoparán moitos beneficios en facer as súas adquisicións nos negocios de proximidade.

E é que este Nadal, os concellos, sobre todo, e algunhas entidades da Costa da Morte inxectaron máis de 26.000 euros en campañas comerciais (algunhas tamén abarcan a hostalería) para potenciar precisamente o consumo nestes sectores. Non sucede en todas as localidades, pero doutra banda, moitas destacan polas atractivas cantidades que destinan a esta finalidade.

Sucede na Laracha, onde a Administración local inviste nestas iniciativas case 13.000 euros, cifra na que se inclúen os 1.800 euros do concurso de escaparates , que tamén axuda a atraer á clientela. Respecto da actividade do comercio, estreáronse ao grande, e é que segundo traslada a edila de Promoción Económica, Rocío López, é o primeiro ano que a levan a cabo. «É importante que nos decidamos a mercar no comercio local sempre, pero, máis aínda, se cabe, nestas datas, porque ultimamente estano a pasar mal», indicou. Refírese ao auxe das compras por Internet. Está satisfeita en como está a marchar, tanto pola acollida dos locais como por parte dos clientes: «Hai quen xa aproveita para adiantar compras futuras».

ANA GARCÍA

Algunhas campañas xa arrincaron e outras o farán nos próximos días. Son iniciativas que, xa só entre os comercios, moi numerosos, abarcan infinitas tipoloxías. Algunhas que chaman a atención son o agro, a olería e a construción, por citar algúns exemplos. Hai de todo: papelerías, tendas de roupa, barberías, centros terapéuticos... Non deixan escusa para non aproveitalas. En Vimianzo e Zas ata inclúen ás empresas de hostalería e restauración. Nunhas hai establecido un mínimo de gasto, e noutras non.

A proposta do Centro Comercial Aberto Carballo (CCA), con 5.600 euros en xogo, ademais, en metálico, é das que máis sobresae, así mesmo. Botou a andar xa con moito éxito tamén, segundo apunta o presidente do colectivo, Germán Riveiro. Este caso ten de novo que recuperaron o formato de «regalar cartos» para «axudar un pouco nun ano no que todo subiu de prezo», explicou. «A xente xa nos pide as papeletas. Están moi contentos e a cousa marcha bastante ben. O máis gordo virá a próxima semana», asegura.

ANA GARCÍA

Vimianzo tamén resalta con 3.600 euros de premios en metálico e moitos máis en agasallos asegurados directos do tipo de descontos ou mesmo produtos. Estes últimos son novidade este ano, segundo dixo a alcaldesa, Mónica Rodríguez. Promove o Concello e os colectivos de comercio e hostalería. «Está sendo un éxito tremendo e durará case un mes e medio. Motiva a mercar e os sectores tiran o un polo outro», dixo a rexedora.

En Zas son 2.000 euros os que achega o goberno local para gastar en Baio . Este ano tomou a iniciativa ante a desaparición da asociación de empresarios. Houbo unha reunión respecto diso.

En Malpica , o Concello inviste 1.700 euros (escaparates incluídos), e o de Laxe leva a cabo esta última iniciativa, para a que aínda non revelou a cantidade. En Cee , os comercios da Rúa Coruña promoven promocións e descontos.

En cifras

COSTA DA MORTE

Municipio / Investimento en euros

A Laracha 12.800

Carballo 5.600

Vimianzo* 3.600

Zas 2.000

Malpica 1.700

Coristanco 600

Laxe Aínda non desvelou as cifras

Cee Hai promocións e descontos

*Na capital de Soneira, a inxección é maior, pero «incalculable», dixo a alcaldesa.

*Noutras localidades, non transcenderon propostas desta índole.

Total: máis de 26.000