Perde un preito co Sergas porque lle asignan un avogado de oficio fóra de prazo

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

La denunciante ingresó en el Virxe da Xunqueira el 22 de diciembre del 2004 por un sangrado vaginal como consecuencia de un aborto
A denunciante ingresou no Virxe da Xunqueira o 22 de decembro do 2004 por un sangrado vaxinal como consecuencia dun aborto Ana García

Unha muller reclamaba 49.989 euros polas secuelas da operación dun aborto ocasionado por un «embarazo ectópico»

01 ago 2023 . Actualizado á 12:02 h.

Unha muller perde un preito, de xeito definitivo, co Sergas porque presentou os recursos fóra de prazo. O motivo, a suposta asignación tardía dun avogado da quenda de oficio. A paciente reclamaba 49.989 euros polas secuelas dunha operación tras sufrir un aborto.

Día 22 de decembro do 2004. Unha muller ingresou no hospital Virxe da Xunqueira de Cee debido a un «sangrado vaxinal». En urxencias diagnosticáronlle un aborto. Estaba na sexta semana de xestación. A muller foi dada de alta e déronlle nova cita para tres días despois, cando lle informaron dun «embarazo ectópico», é dicir, fóra do útero, co consecuente risco para a vida da nai, polo que os galenos deciden intervila de urxencia. Pero o que ía ser unha «simple operación por laparoscopia converteuse nunha laparotomía cun racho da vea ilíaca, a vesícula e a vexiga, entrando a paciente nun período de incapacidade, que se prolonga ata os nosos días», segundo indica unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A muller interpuxo denuncia por vía penal por un delito de lesións por imprudencia en novembro do 2005. Esta causa finalizou case dez anos despois coa absolución dos médicos investigados porque «das probas practicadas non se desprendía unha actuación delituosa». Este fallo foi recorrido ante a Audiencia Provincial, co mesmo resultado.

A muller solicitou entón a designación dun letrado de oficio para emprender accións civís contra o Sergas. Pero a designación do Colexio de Avogados concretouse, segundo indica o fallo do Supremo, o 26 de abril do 2017. Pero a súa reclamación de 49.989 euros, foi rexeitada por «extemporaneidade». Tamén o posterior recurso. Os xuíces dan a razón ao Sergas ao entender que a demanda se presentou fóra do prazo dun ano que establece a lei. O TSXG non tivo en conta os argumentos da demandante. Entre eles, a muller sinalou «que en ningún momento abandonou a posibilidade de exercitar os seus dereitos», que «manifestou de boa fe a súa intención de reclamar» dentro do prazo e achacou este desfasamento «á designación errónea» do Colexio de Avogados.