Auga e memoria

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

basilio belo

02 ene 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Manuel Rivas, no seu inesquecible Costa da Morte Blues, do 95 (antes xa lle dedicara uns fermosísimos poemas á zona en Ningún cisne), escribe sobre A memoria da auga. Remata así: «Hai nun cesto un planeta afogado./ Polo cano da fonte de Vimianzo,/ canta o cego das feiras/ a saudade do mar». O concepto ese de darlle lembranzas á auga é moi empregado en certos ámbitos, pero eu quédome só co que provoca en nós nos días das cheas, e levamos xa tantas nun mes que corremos o risco de confundilas. Os plans da Xunta contra as inundacións son moi caros e moi bos, e farán moito ben arredando as crecidas das áreas urbanas, como Carballo, Vimianzo e esperemos que tamén no futuro en Ponteceso. 

Mais agardemos que nunca as eliminen dos prados e fincas que ciclicamente quedan asolagados durantes uns días coas enchentas, xerando pequenos mares rurais co ruido da fuxida da auga cara o cauce principal que sempre transformaban os espazos, creando atmósferas que eu chamaría máxicas, e que os que teñen que dar a volta co coche porque non poden pasar pola estrada toda cuberta denominan fastidio por non poder pasar.

Vin este día unha rapaza (vale, unha señora case da miña idade) acompañar ao fillo a ver a chea, eles sós, expectantes, como se fose ir ver unha aurora ou os fogos artificiais da festa. Ese rumor sonoro que dicía ante de escapada, os brillos e reflexos, as pistas invisibles polas que a auga se vai deslizando naturalmente con ondas suaves e sonoras como levan facendo séculos, parcelaria mediante. A nosa memoria da auga está aí.