As gaivotas regresan á Lobeira Grande

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

DAVID TRILLO

Os raposos acabaron con elas hai polo menos 16 anos, pero xa non quedan e as aves volveron a nidificar

11 sep 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Nunha data difícil de precisar, pero fará quizais uns 16 anos, alguén levou raposos á Lobeira Grande. A illa do faro e principal do arquipélago do mesmo nome na ría de Corcubión (e pertencente a este municipio), que se estende cara á Pequena e por un numeroso grupo de saíntes pétreos que teñen máis ou menos superficie dependendo das mareas.

Os raposos, á marxe de achegar certo exotismo á fauna, sobre todo cargáronse ás gaivotas, comendo os ovos dos seus niños e espantando as chegadas. Foi moi notorio, xa que a abundancia destas aves (os corvos mariños son moitos menos) era moi coñecida, e en épocas de cría resultaban especialmente virulentas cos (entón) escasos visitantes humanos.

O dos 16 anos é un cálculo, porque un veciño da zona e gran coñecedor e asiduo ao lugar, Valentín Abelleira, narraba a La Voz no 2008 que dous anos antes xa atrapara catro dos raposos, dous machos e dúas femias, achegando algunha imaxe. Fíxoo con trampas simples con caixas, as mesmas que posiblemente empregaron quen levaron alí aos cánidos, empregando tempo e lancha. E a saber por que: quizais para eliminar molestias, ou polo que fose.  

DAVID TRILLO

O caso é que as gaivotas volveron a nidificar, e nos últimos tempos ven máis, reemigrando desde a Lobeira Pequena, onde parece que se foron moitas. David Trillo, asiduo (hai días que varias veces, coa súa taximar) á illa, viu xa varios niños. E iso ocorre porque as aves se deron conta de que os raposos xa non están. E diso hai xa algún tempo. Aos poucos recobran a confianza, nun lugar que sempre foi o seu asentamento, como se pode ver cos seus excrementos. Por exemplo o coñecido Petón do Merdeiro, tan branco coma se estivese pintado. «Moitas pedras levaban tempo impolutas, agora volven a branquear», sinala Trillo. Bo coñecedor dos carreiros da illa, explica que esta primavera foi a primeira na que viu niños. E, sen raposos, xa non será a última.