O Bergan inicia coa camiseta do centenario unha campaña ilusionante

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

O equipo xerou expectación na presentación do seu novo equipamento

31 ago 2022 . Actualizado ás 21:06 h.

Cen anos cumprirá o Bergantiños Fútbol Club na tempada que está a piques de comezar. Para a que presume de ser a entidade decana da comarca neste deporte é, sin duda, unha data especial que, desde todos os estamentos, queren celebrar para seguir facendo historia durante outro século máis. Con esta premisa, foi presentada este mércores o novo equipamento que, por suposto, non pasa por alto o centenario. Así, na camiseta, pódese ler na parte frontal superior «cen, 1923-2023».

A que será a primeira indumentaria loce, como non podía ser doutro xeito, as cores características da agrupación carballesa: o vermello, na elástica, e o azul, no pantalón. Incorpora como novidade, a maiores do logo dos 100 anos, unhas raias azuis moi estreitas que, como destacou o directivo Manolo Canedo, encargado do equipamento, fana «moi bonita e lograda». A segunda vestimenta será azul, mentres que a terceira, branca. Os porteiros, pola súa banda, lucirán o verde, por unha banda, e o negro, polo outro, en cada un dos conxuntos.

Ata nove xogadores apoiados por máis integrantes do equipo causaron expectación entre os afeccionados que se achegaron ata a Praza do Concello para coñecer os detalles. Varios familiares tampouco se quixeron perder o momento e o acto tamén contou con varios membros do goberno local. Do mesmo xeito, presentáronse os suadoiros, con e sen capucha, que o club porá á venda na súa web.

O domingo, nas Eiroas

Chegou a comitiva ao centro de Carballo directa das Eiroas, onde adestran cada mañá de luns a sábado salvo que teña partido, con descanso o martes. O vindeiro domingo, día 4, dará comezo a liga en Segunda RFEF. O primeiro partido para os rojillos será no seu feudo, onde recibirán á Real Sociedade Ximnástica de Torrelavega, novo rival para os bergantiñáns tras a reestruturación do Grupo 1 e os cántabros quedar campións en Terceira RFEF, Grupo 3, a pasada campaña. Será ás 18.00 horas.

«Non estamos nerviosos, agora xa coñecemos a categoría», dixo o delegado do conxunto, que seguirá sendo, un ano máis, o carballés Manolo Muñiz. Esta será a segunda tempada consecutiva en Segunda RFEF, onde os carballeses se medirán a 17 formacións galegas (5), asturianas (4) e castellanoleonesas (5) , ademais de cántabras (3), en substitución das madrileñas.

Pola súa banda, o primeiro capitán, Pablo Agulló, que se adestra apartado do grupo tras someterse a unha operación este verán, valorou a pretemporada realizada como «moi boa». Sobre todo, tendo en conta que é un persoal a deste ano que incorporou numerosas caras novas. «Empezar en casa sempre é importante, e facelo sumando tres puntos, máis se cabe. Os equipos novos sempre son perigosos, agardamos que nos apoie moita xente», engadiu.

Agulló será baixa para a estrea

Agarda incorporarse pronto ao grupo. Salvo novidade, é a única baixa segura para a estrea ligueira, pois este mércores, non había lesionados, confirmaron desde a entidade.

As entradas para o choque poranse á venda para o público xeral desde hora e media antes do arranque no estadio municipal: 15 euros, maiores de idade; 10, entre 11 e 17 anos; 5, entre 6 e 10, e gratis para os menores de 6 anos. Doutro lado, os carnés de socio pódense adquirir ou renovar o propio día do encontro ou os luns, mércores e venres de 19.30 a 21.00 nas Eiroas. «Se es socio sénior, renovas o carné e traes a dúas persoas séniores que se unan por primeira vez, a camiseta oficial do centenario será túa», anuncia o club. As tarifas de abonados son as mesmas que o pasado curso: 100 euros, protector; 90, adulto; 75, pensionista; 30, sub-25; 20, sub-20, e 10, sub-16.