Non 25.º aniversario do Batallón Literario, por Modesto Fraga

MODESTO FRAGA

CARBALLO

ANA GARCIA

ESPECIAL FIN DE ANO | Este 2021 cumpriuse un cuarto de século dun referente na literatura galega

01 ene 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

Un cuarto de século pasou xa desde a eclosión daquel esplendoroso movemento cultural que, para moitos de nós, foi o Batallón Literario Costa da Morte. E como queira que a roda da vida sempre xira e xira propiciando gratos reencontros, os «Feros Corvos» volvemos espallar os nosos versos o pasado 18 deste mes de Nadal nunha histórica velada celebrada no marco incomparable do Parador de Turismo da Costa da Morte. Vinte e cinco anos de semente literaria, que se di pronto, de fértil colleita en forma de poemas e de libros luminosos cos que cicelar, palabra a palabra, o inmenso fulgor deste atlántico territorio de nós.

O Batallón Literario, malia o seu breve periplo vital, foi quen de situar a Costa da Morte nun lugar de referencia no sistema literario galego. O seu ronsel marcou un antes e un despois que, a día de hoxe, ninguén discute. Máis de trescentos volumes de todos os xéneros da escrita conforman o impresionante legado bibliográfico da considerada por moitos «Idade de Ouro» das nosas letras, con permiso de Pondal. A biblioteca do Parador da Costa da Morte, que leva o nome doutro grande poeta de nós, o muxián Gonzalo López Abente, é un claro exemplo da inmensa e prolixa fertilidade dos nosos creadores e creadoras. Bendita alfaia luminosa. Mais convén mirar atrás. Primeiro foi Eduardo Pondal, corvo maior da palabra, inmorrente guieiro da nosa milenaria tribo. Despois, máis tarde, viñeron Gonzalo López Abente e Xervasio Paz Lestón e tamén Antón Zapata. E logo ficou o silencio. E, de pronto, calou a palabra. Mais mudaron os tempos e, de entre a brétema, co salitre incrustado nos ollos, desde o río Xallas a Monte Branco, desde o alto da Moa ao Promontorio Nerio, da ría de Lires ao magno Ézaro, asomaron de súpeto grandes bandadas de feros corvos coma nunca antes se vira. Alí estaban eles. Alí estabamos nós, os netos e os bisnetos literarios do egrexio Bardo pontecesán. Por momentos, como emerxendo das mesmas entrañas da terra, impulsados polos ventos do nordés, os rumorosos poemas de Marilar Aleixandre, Estevo Creus, Serxio Iglesias, Alexandre Nerium, Concha Blanco, David Creus, Moncho Bouzas, Mónica Góñez, Rafa Vilar, ecoando de novo, unha e outra vez, sempre prestos e dispostos á chamada da poesía. Falaron, declamaron decontado os poetas e, nun abrir e pechar de ollos, volveu triunfar a palabra. Ningún dos asistentes, oíches, quixo perder detalle da histórica velada. Ningún, absolutamente ningún. No entanto, máis feros corvos grallaban cos seus versos desde a distancia por mor da imposibilidade de poder acompañarnos no acto, mais sempre presentes, sempre connosco. Soaron, si, tamén, melódicos e intensos, os versos de María Lado, Suso Bahamonde, Xaime Trillo, Xavier Fidalgo, Xoán Alberte Moure, Abel Méndes, María Canosa, Tomás Lijó, Xandra Tedín, Miro Villar, o inmortal Paco Souto. E máis aínda. Todas e todos verdadeiros artífices desta ilusionante singradura das nosas letras.

ANA GARCIA

Pasaron, seica, vinte e cinco anos daquel tempo de entusiasmo, daquelas xuntanzas case clandestinas no «Macondo», daqueles memorables recitais nos bares, nas prazas públicas, nos palcos das festas. Pasou o tempo, si, pero continúa a acción directa. E velaí o milagre da poesía.

«Feros corvos do Xallas,

que vagantes andás;

en salvaxe compaña,

sin hoxe nin mañán.

¡Quen poidera ser voso compañeiro, pola gándra longal!».

Eduardo Pondal

Algunha clave

O Batallón Literario quedou formalmente constituído o 1 de maio de 1996. A única premisa para formar parte do colectivo era que os autores fosen nados ou tivesen unha forte vinculación coa Costa da Morte. O seu obxectivo principal era dar a coñecer actividades levadas a cabo polo grupo: recitais poéticos, homenaxes, iniciativas a prol da reivindicación da memoria histórica, actos de marcado carácter social e de defensa da nosa lingua. O BLCM publicou o seu propio medio de expresión, Feros Corvos, que tomaba o seu nome dun coñecido verso de Pondal. O grupo de escritores da bisbarra chegou a participar en máis de medio cento de actos públicos ao longo de Galicia. Tamén noutras cidades de España e mesmo na illa de Cuba, a onde acudiu para representar a cultura galega en 1998. O Batallón publicou varios libros colectivos, entre os que destacan “Nós” ou “Mar por medio”. Asemade, a antoloxía “De Pondal ao Batallón Literario. 120 anos de poesía na Costa da Morte”, coordinada por Miro Villar e Modesto Fraga, reúne toda a produción poética de máis de dous séculos na Costa da Morte. Chegaron a formar parte do Batallón máis de trinta persoas. No acto do pasado día 18 de decembro, organizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Parador de Turismo da Costa da Morte, participaron 10 autores do Batallón Literario: Marilar Aleixandre, David Creus, Mónica Góñez, Alexandre Nerium, Moncho Bouzas, Estevo Creus, Concha Blanco, Serxio Iglesias, Rafa Vilar e Modesto Fraga. No actoen Muxía déronse a coñecer dúas publicacións inéditas do BLCM: a ediciôn facsímil de “Feros Corvos” e unha antoloxía dos membros do colectivo preparada pola profesora e crítica literaria Teresa Seara e publicada por Chan da Pólvora.