Seis curas e toda unha parroquia, nos 50 anos da igrexa de Castromil

C. V. / X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O arcebispo compartiu cos fregueses unha misa no remocicado templo

28 sep 2020 . Actualizado ás 19:30 h.

O covid obrigou a manter a distancia, pero foi só física. A igrexa que naceu para acurtar a que separaba a uns veciños, sobre todo de Castromil, da parroquial de Salto, celebrou onte o seu primeiro medio século de vida relixiosa, cun aspecto renovado e con fregueses máis talluditos porque o tempo non só pasa polos templos. A pesar diso, alí estiveron os seis curas da súa historia e unha parte importante dos que colaboraron na súa construción. A eles dirixiuse o arcebispo, Julian Barrio, para «agradecer e felicitar». Foron os que fixeron posible esa «nosa casa grande acolledora», en palabras da condutora dun acto, que tivo que ser seguido tamén desde a praza.

Estiveron Aquilino Fernández, hoxe cura de Malpica e hai medio século impulsor do proxecto, ademais de Javier Porro Martínez, Ricardo Vázquez Freire, Alfonso Mera, Vicente Mohedano e Alejandro García Touriñán. Todos eles se ocuparon nalgún momento do templo, que hoxe ten moi bo aspecto e que naceu na segunda concentración parcelaria que houbo en Galicia. O lugar no que se erixe foi cedido polos veciños de entón, aqueles que arrimaron os seus «ombreiros», en palabras da presentadora do acto, quen tamén se referiu a eles definíndoos como «bos e xenerosos». De feito, o da xenerosidade foi un dos conceptos máis repetidos aos longo da celebración e o que seguramente permitiu tamén que a construción teña perdido cos anos o seu aspecto inicial de hangar.

Probablemente había onte en Castromil un representante de cada casa, pero tamén da asociación Neira Marcos, dos catequistas e dos voluntarios que fan activa a vida parroquial.

A consagración tamén tivo lugar un 27 de setembro. Acudiu o cardeal Fernando Quiroga Palacios, que ademais inaugurou o resto dos edificios do entón innovador complexo, que estaba composto así mesmo polo salón parroquial, a casa reitoral e a escola.

A ermida de Santo Hadrián estreou oficialmente o seu novo aspecto

O arcebispo Julián Barrio foi o encargado de bendicir as melloras realizadas no ermida de Santo Hadrián, que xa estaban listas para a romaría, que non se celebrou a causa do covid. Ao final non choveu e os arranxos puideron ser estreados oficialmente, do mesmo xeito que os traballos realizados no templo de San Xulián. Todos os labores foron impulsadas polo párroco, Aquilino Fernández.