Futbolista, enfermeira no Oncolóxico e agora contaxiada

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CEDIDA

Noelia García é a segunda integrante do Bergantiños, despois de Yelco Alfaya, que dá positivo en COVID-19

17 abr 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Bergantiños Fútbol Club é o único club deportivo galego no que se coñecen dous casos de coronavirus. O positivo do xogador do primeiro equipo masculino Yelco Alfaya (Cangas do Morrazo, 23 anos) foi o primeiro en facerse público, aínda que cunha sintomatología moi leve. O pasado xoves recibiu a alta médica tras repetir a proba e dar negativo. «É un alivio saber que non se contaxiou ninguén na miña casa -onde estivo en corentena- e poder convivir coa familia, que tamén o pasou mal», dixo. Noelia García Costa (Vimianzo, 25 anos), integrante do conxunto feminino desde esta tempada, e que explicou onte para La Voz o seu caso.

Traballa como enfermeira no Centro Oncolóxico de Galicia, situado na Coruña. Foi alí onde se contaxiou: «Estiven en contacto cunha compañeira que despois deu positivo», comenta. En canto tivo os primeiros síntomas, o día 1 deste mes, xa se encerrou no piso no que vive na Coruña xunto a unha amiga. Xornadas despois fixéronlle o test e confirmou que estaba infectada.

«Agora estou empezando a ver a luz ao final do túnel»

A pesar de pertencer ao grupo de alto risco por ser asmática, levou «bastante ben» o virus: «Tiven síntomas leves de febre, tose e cansazo xeral», conta. Agora di atoparse moito mellor: «Dende esta semana notei moita melloría. Estou empezando a ver a luz ao final do túnel. Polo menos comezo a saborear algo a comida, porque antes non tiña olfacto nin gusto. Tanto me daba comer unha pescada coma un cortiza». De feito, empezou a exercitarse un pouco: «Son un cu inquieto. Todos estes días estiven tirada na cama e facendo o mínimo esforzo posible. Agora xa teño ganas de moverme, ou sexa que, coñecéndome como son, non hai síntoma de mellora máis claro ca este», expresa entre risas.

A súa médica de familia en Vimianzo foi quen lle realizou o seguimento diario por teléfono. Agora está á espera de que lle digan a data e a hora para repetir a proba e dar negativo. No caso de que o resultado sexa o agardado, tampouco ten moi claro cal será o procedemento a seguir, se xa lle darán a alta médica ou aínda terá que seguir coa corentena en casa durante uns días máis: «Nin a doutora o sabe, porque cada día cambian os protocolos», afirma a xogadora do Bergantiños.

A vimiancesa logrou non contaxiar a ninguén da súa contorna nin do seu traballo na cidade herculina

Noelia está moi contenta co apoio «social e familiar» recibido. Conta que foron días duros encerrada entre catro paredes: «Recibín moito cariño. Unha compañeira do equipo ata me fixo a compra, pois a amiga que vive comigo tamén tivo que facer corentena debido ao meu positivo». Tiveron que extremar ao máximo as precaucións, pero grazas ao material de protección que ela posuía -debido ao seu emprego- resultoulles máis levadía esta situación.

A centrocampista, que antes xogou ao fútbol sala no Fisober, tamén está alegre polo feito de que non contaxiou a ninguén da súa contorna nin do seu traballo. Por este motivo e pola súa propia experiencia, Noelia García envía a seguinte mensaxe á poboación: «Pídolles que estean tranquilos, que non se volvan histéricos e que queden nas súas casas».

Sobre o seu cargo, que cobra especial importancia nestes momentos, comenta: «Antes de enfermar por coronavirus, estaban sendo semanas de bastante abafo non traballo por toda a situación que se está a vivir. Traballo en planta».