O Bergantiños loitará por recibir ao Sevilla no seu campo de Carballo

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Copa do Rey | O club reuniuse co Concello para traballar da man

19 novs 2019 . Actualizado ás 21:12 h.

O Bergantiños e, a consecuencia, Carballo enteiro, aínda se recuperan da incrible noticia que recibiron este domingo: disputarán a primeira eliminatoria da Copa do Rey contra nin máis nin menos que o Sevilla de Primeira División. Ao ser de categoría inferior, de Terceira, a rolda, a partido único, disputarase na súa zona. É por isto último que este luns xa se puxeron ao choio, tendo en conta que o encontro se disputará entre os días 16 e 18 de decembro. Falta menos dun mes.

O club de Terceira División reuniuse co Concello cunha idea moi clara: que o choque se dispute en Carballo. Concretamente, no campo do equipo rojillo, o municipal As Eiroas. «Sería algo histórico para a comarca», comentou o vicepresidente da entidade, Juan Lorenzo.

O mesmo día que se celebrou o sorteo, recibiron un correo electrónico da Real Federación Española de Fútbol no que lle comunicaban que o seu terreo de xogo era «non apto» para a disputa do devandito choque por unha serie de aspectos. O motivo da xunta, pois, non foi outro que mirar como se podían solucionar estas carencias con tal de que o conxunto de Julen Lopetegui visite a comarca. En todo caso, o directivo xa informou de que ningunha é irremediable, salvo unha: a escasa distancia entre o límite do campo e a bancada. «Fáltannos uns centímetros para cumprir o que piden. Evidentemente, non se van facer obras. Pero cremos que sería un erro que por este detalle non nos deixaran xogar aquí».

O problema máis importante que teñen, a maiores do xa mencionado, é a iluminación, explicou. «Ao ser un partido televisado temos que aumentala potencia. Pero hoxe en día todo está inventado. O Concello encargaríase de arranxar este tema, acordamos».

Outras cuestións a mellorar que a entidade ve como «menores» son las seguintes: «A sinalización das entradas, isto é, ter unhas para os afeccionados locais e, outras, para os visitantes; e dispoñer dun espazo para o control antidopaxe, dun médico, de cabinas para os profesionais da información e da comunicación, dun túnel de acceso ao campo, de banquiños para que se poidan sentar todos os xogadores e corpos técnicos, dunha distinta porta de entrada ó campo para o equipo visitante e dun plan de seguridade e evacuación, entre outras».

É unha longa lista de medidas a ter en conta. No entanto, desde o Bergantiños e o Concello non as ven como algo imposible ou que supoña un enorme investimento económico. «Para o do control antidopaxe, por exemplo, habilitaríamos un vestiario. Aos periodistas, facilitariámoslles a sala de trofeos. O túnel de acceso xa o temos de cando o Carballo Basket Xiria xogou a fase de ascenso a LEB [Liga Española de Baloncesto] Plata. Co tema dos banquiños, adiantariámonos a unha norma que pronto chegará á comunidade galega. Polo demais, dispoñemos dunha porta de entrada distinta para o rival, e Policía Local e Protección Civil deseñarían un plan de seguridade e evacuación».

O que está claro é que todos van remar «por facer realidade un soño», asegurou Lorenzo. Na reunión tomaron parte, ademais de representantes da Policía Local e do club, outros moitos do Concello como o alcalde, Evencio Ferrero; o edil de Deportes, Marcos Trigo; o técnico deportivo, Fran Díaz, e o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane. A eles sumáronse José Antonio Mallo, da Oficina Técnica municipal, e Miguel Abad, arquitecto, debido aos traballos de construción dunha nova zona de bancadas e de ampliación e reforma dos vestiarios que se están levando a cabo nas Eiroas desde setembro e, en principio, ata marzo, sen ningún tipo de incidencia no día a día da entidade.

A decisión da Federación Española coñecerase nos próximos días

Segundo conta o vicepresidente do Bergantiños, este xoves remitirán un informe escrito á Federación Española asegurando que cumprirán «ou 99 %» das demandas. Entre o venres e o luns, calcula Juan, que terán noticias. En caso da resposta ser positiva, un técnico supervisaría os labores de acondicionamento. De obter un non por contestación, exponse como alternativa «por proximidade» o estadio de Riazor ou a Cidade Deportiva de Abegondo.

Son moitos os que consideran que, xa de primeiras, a mellor opción sería disputar a eliminatoria en Riazor para que o club rojillo logre unha maior recadación. A resposta da directiva do Bergantiños é en grao sumo humilde: «Ante iso prevalece que sexa un acontecemento para Carballo e, por extensión, para a comarca. Somos de onde somos». Así mesmo, Lorenzo, comentou que nesta primeira reunión non se entrou a valorar como farían para acoller os máximos espectadores posibles. «Iso falarase nunha segunda parte, cando teñamos a decisión da Federación».

O certo é que a eliminatoria da Copa do Rey ilusionou a un Bergantiños e a un Carballo que nesta tempada están a sufrir pola situación do conxunto, en descenso. Así é que, por exemplo, un médico do municipio xa se lles ofreceu para prestar os seus servizos nesa xornada de decembro. O directivo, de feito, xa fixo algunha broma: «De adaptar o campo a todas as medidas que solicitan, xa estaría listo para a segunda eliminatoria, a disputar o 12 de xaneiro!». As últimas tres fases de ascenso disputadas nas últimas campañas fan honra deste equipo.