Varios mercantes tiveron que protexerse na ría corcubionesa

La Voz

CARBALLO

04 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A entrada da ría de Corcubión, ao abrigo do cabo Fisterra, segue sendo punto de refuxio de buques á espera de que amaine esta sucesión de temporais. Ao Atlantic Down e o Widor, sumáronse o Adasun (Liberia) e o Karina C (Reino Unido).

Ademais, segue fondeado na zona o impoñente iate Serene, do príncipe Saudita Mohamed Bin Salam, que tanta expectación está a xerar. Con todo non foi o único gran buque de recreo que se achegou á costa fisterrá estes días. O sábado pola tarde, o xigantesco Queen Victoria da Cunard Line, con 294 metros de eslora e capacidade para máis de 2.000 pasaxeiros, tívose que achegar a terra para que dous tripulantes, un enfermo e un acompañante, fosen evacuados no helicóptero de rescate Pesca 1, que os trasladou ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

A pesar da forte ondada durante toda a xornada non houbo problemas importantes nos portos. Toda a flota estivo amarrada ao ser domingo e tampouco saíron a faenar os mariscadores e percebeiros.