Arrinca a festa do fútbol

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Empeza a liga con cinco equipos da comarca en Terceira División e Preferente Autonómica

25 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Despois dos amigables, da disputa de Cópaa Federación e de Cópaa RFEF, da celebración de torneos estivais e dun mes repleto de altas, baixas e cambios de adestradores, arrinca a liga en Terceira División e en Preferente Autonómica. Cinco equipos da Costa da Morte entran hoxe en liza.

O Bergantiños viaxa ao Couto (19.00 horas) para medirse ao Ourense C.?F. (antigo Ponche Ourense), un equipo que completou o pasado curso unha segunda volta de ilusión e quedou a un punto de disputar a fase de ascenso a Segunda B. Os das Burgas, tal e como apuntou o preparador do Bergantiños, Miguel Figueira, completaron un cadro de persoal máis que interesante. De feito, este venres pechou a incorporación de dous xuvenís de División de Honra do Celta : «Fixeron un equipo moi bo, moi xoven, con xente do Deportivo, do Celta, con xogadores que estiveron en Segunda B... Será un rival a ter moi en conta este ano», alertou Figueira, que cumpre a súa cuarta campaña á fronte do banco carballés.

Os das Eiroas son claros candidatos ao título e a xogar por terceira vez consecutiva a fase de ascenso a Segunda B. O club presidido por Luciano Calvo Pumpido realizou sete fichaxes, co que Figueira ten, en teoría, máis variantes no xogo: «Trataremos de ser menos previsibles para os rivais, buscamos variantes ao ter dianteiros rápidos e laterais moi avanzados», o que se pode traducir por unha aposta por un fútbol máis directo e menos combinativo, «aínda que iso dependerá do rival», matizou Figueira. Para este primeiro encontro de liga, o técnico non poderá contar co concurso de Bilal, Agulló e Cristopher.

A lista de convocados é a seguinte: Santi, Carlos, Antonio, Iago, Marcos, Aarón, Toni, Selecta, Diego Fernández, Remeseiro, Álex, Duque, Yelco, Cano, William e Rubén Rivera. Destaca a presenza na lista dos xuvenís Carlos (porteiro) e William (dianteiro).

A Porta Santas

Pola súa banda, o Paiosaco medirase hoxe (18.00 horas) na Porta Santas ao outro equipo da cidade das Burgas, a U.?D. Ourense, un conxunto que a pasada campaña foi de máis a menos, pero que segue sendo un elenco cun gran cartel, tal e como prognosticou o preparador do Paiosaco, Juan Riveiro, quen cumpre a súa quinta campaña á fronte do conxunto verdibranco. O técnico ten claro o obxectivo para este ano: «Lograr 50 puntos». E engadiu: «O pasado ano acabamos a liga con 45 e librámonos do descenso polos pelos». Sobre o seu equipo, que presenta sete caras novas, (un terzo do persoal), dixo que adquirira «un punto de madurez». Cre que en pretemporada o equipo foi de «menos a máis» e asegurou que chega á cita «nun bo momento». A idea do preparador é que os seus xogadores «saiban competir, que non baixen os brazos nunca e que traten de ti a ti aos rivais».

Juan Riveiro ten as baixas para este encontro de Jesús, Juanma, Josiño e Ventola. A lista de convocados é a seguinte: Rama, Mario, Jorge, Popi, Pablo, Iriso, Edu, Gamallo, Beto, Aythami, Samu, Eiroa, César, Juan, Otero e Juan de Dora .