Mal ano para a píllara na Costa da Morte, con só dez crías sobreviventes

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

A ave protexida, con só 80 parellas en Galicia, tivo voos en Baldaio e A Barra

16 ene 2019 . Actualizado ás 14:43 h.

A píllara ou píllara patinegro é un ave aínda pouco coñecida, e iso que é dos escasos animais que ten un decreto específico para a súa protección. A súa pervivencia está ameazada, xa que só quedan unhas 80 parellas en Galicia. E a Costa da Morte é un dos seus santuarios. Tal é o risco de desaparición que a súa existencia motivou que, por primeira vez en Baldaio e parte de Razo, hai dous anos prohibiuse a limpeza mecánica do areal. Nunca pasara nada igual.

A pesar diso, e a que se tomaron moitas máis medidas de control e vixilancia, a tempada que acaba (a das aves vai en consonancia co curso escolar e con tantos outros ritmos vitais) foi mala para este pequeno paxaro nos areais da comarca. Só lograron voar uns dez pitos. Seis deles, no seu principal asentamento durante bastantes tempadas, Baldaio, froito de cinco ou seis parellas, explica María Vidal, responsable do Grupo Píllara, da área de Zooloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago, que leva 21 anos consecutivos estudando esta ave. Os outros catro ou cinco pitos (non se sabe con exactitude) voaron na Barra, entre Ponteceso e Cabana.

Hai outros lugares con poboacións pequenas, pero esta vez sen resultados. Por exemplo, en Traba de Laxe, onde están localizadas seis parellas, pero non logrou voar ningún pito. Puideron influír os depredadores naturais e, sobre todo, o mal tempo, un problema xeneralizado para a especie. Na Barra, as catro parellas identificadas deron eses catro ou cinco pitos. En Nemiña, Muxía, este ano non houbo crías. E no Rostro, Fisterra, tampouco, e iso que había oito parellas. É este areal un lugar complicado, sobre todo pola abundancia de depredadores naturais, desde raposos ata rapaces.

Pero o que máis afectou foi o mal tempo da primavera e o inicio do verán, que atrasou todo o proceso biolóxico do paxaro ou directamente o impediu. «Foi unha tempada rara e mala», resume Vidal. Caeron as parellas en toda Galicia, e xa non é que abunden, precisamente. Chegou a haber ata 110. Desde un punto de vista positivo, máis ou menos vanse mantendo.

Ao contrario que outras, non chegan de lonxe. As que ven en Baldaio adoitan invernar preto, por Ponteceso, ou Traba. Son sedentarios, e acoden a outros areais a criar, no seu período de reprodución. As de Baldaio adoitan ser as últimas en marcharse. En todo caso, son moi fieis ás mesmas praias, indica Vidal.

As persoas que pasean habitualmente pola praia entre Razo e Baldaio xa están acostumados velas, pero case sempre na area, preto das dunas. E en Carballo, nos espazos valados e balizados que protexen os seus niños. Moito menos na auga, onde son máis habituais os correlimos tridáctilos, moitas veces confúndense: estes van en grupos e adoitan buscar os espazos húmidos que deixan as idas e vindas das ondas.

«Non é necesaria a limpeza mecánica nas praias»

A investigadora María Vidal, da Facultade de Bioloxía de Santiago, leva case media vida dedicada ao estudo das píllaras, desde que en 1996 comezou a analizar o seu hábitat na praia de Carnota. Viu os efectos devastadores do Prestige e tamén as medidas de conservación, pero tamén o decreto do 2014 que trata de garantir a súa supervivencia. As medidas a adoptar son moitas. Porque o problema non é local: «A nivel europeo, a poboación cae moito». Un dos aspectos que axudan á conservación é impedir o uso de tamizadoras na area: «Non é necesaria a limpeza mecánica nas praias», explica, como aspecto xeral, pero menos para a píllara: as parellas necesitan deste hábitat para subsistir e, ademais, os ovos están na area. E as tamizadoras «cárganse as praias».

Cans sen control, algo «escandaloso»

Ademais do mal tempo e dos depredadores naturais contra os que sempre loitou a píllara (e outras moitas especies, porque é lei de vida), agora teñen que enfrontarse tamén aos cans sen control, «algo escandaloso», en palabras da principal experta na materia, en cuxo grupo colaboran tamén Senda Nova, Axena e Hábitat, ademais da Consellería de Medio Ambiente, encargada da posta en práctica das medidas conservacionistas e de vixilancia. «Non teño nada contra os cans, ao contrario, pero son animais, e hai que tratalos como tales, non coma se fosen os nenos da casa», sinala Vidal, para que non prexudiquen a contorna nos seus paseos.