A dobre cara do fútbol

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira FÓRA DE XOGO

CARBALLO

02 jul 2016 . Actualizado á 05:00 h.

Ver a un tipo, consagrado na elite do fútbol español como o porteiro coristanqués Rubén Martínez, saudando de forma cariñosa nAs Eiroas a técnicos, adestradores, utilleros e delegados, repartindo apertóns de mans e abrazos, lembrando aqueles tempos nos que apenas levantaba un palmo do chan, traslada unha imaxe, sen coñecelo de nada, de ser unha persoa que sabe perfectamente de onde procede. Rubén Martínez deu un exemplo de sinxeleza e proximidade nAs Eiroas. Fotografouse con todo o mundo, non parou de asinar autógrafos, tivo esa paciencia infinita da que carecen eses pseudocracs, que parece que che perdoan a vida por estar ao seu lado. Rubén Martínez non é deses. Tampouco o carballés Santi Canedo, todo simpatía e proximidade. Ven o fútbol como unha profesión máis, sen colgarse medallas nin sentíndose heroes. Tipos normais que xogan ao fútbol e por amais páganlles por iso. O choio perfecto.

Pero hai outra parte do fútbol. A que non se acaba de entender. O do negocio, o das reticencias, o dos intermediarios, o do «disto non podo falar, faino co meu representante» ou «non podo falar do meu futuro»... Polo que poida pasar. Esa é a parte dura, a incomprensible, a dos intereses e o das comisións. Ese lado escuro, que aparta a rapaces da realidade, que os fan crerse o que non son: uns privilexiados cuxas carreiras penden dun fío. Se non, que llo pregunten ao Víctor Valdés. Rubén e Santi Canedo representan a humildade, o traballo, as ganas de aprender e de gozar do que máis lles gusta. O resto, a verdade, sobra.