






















Longas colas de comensais que desafiaron á calor para probar o molusco e actuacións musicais con moita marcha encheron a carpa
10 ago 2025 . Actualizado á 16:45 h.Nin a calor abrasadora nin a extensa cola ás portas da lonxa foron impedimento para que os 450 quilos de navallas, repartidos nunhas mil racións, voasen desde os ferros nas que eran preparadas por un grupo de laboriosos voluntarios aos padais de persoas chegadas dos máis diversos recunchos.
Capturadas no seu bancos por mariscadores de Aguiño, os pratos ben variados de lustrosas navallas entraban polos ollos e comensais coas mans repletas de racións saían do punto de recollida cara á carpa na que darían boa conta dun bivalvo que, seguro, será o que pidan desde agora nos mercados.
O artífice dunha exaltación que se converteu na mellora embaixadora do produto local non podía estar máis satisfeito. Trátase de Julio Abraldes, que se repartía entre os aspectos organizativos e a atención ás autoridades. Asombrado e contento pola excelente acollida, agradeceu aos mariscadores que rebaixasen en 10 euros o prezo do quilo do molusco para que a comisión puidese adquirir unha boa cantidade sen empeñarse no intento.
Sardiñas e empanadas
Ademais da navalla, os asistentes á cita tiveron á súa disposición 180 quilos de sardiñas asadas e empanada. A repartición de racións comezou ás 12.00 horas, e antes de que chegase a hora xa estaba repleto Aguiño de persoas desexando compralas.
Entre os asistentes, un grupo de veraneantes do País Vasco, que non escatimaron eloxios: «todo moi rico e moi bo ambiente. Miúdo luxo gastronómico tedes en Galicia», aseguraba unha animada Vicen procedente de Vitoria que pasa o verán en Porto do Son.
En dirección a unha mesa, cada un co seu prato de navallas, Nela e Javier, residentes en Canarias, explicaban que xa asistiron en xullo á exaltación do percebe de Aguiño. Se poden, non deixan escapar a posibilidade de saborear os produtos do mar.
A festa contou coa animación musical de Chiña e de Habelas Hailas, a cuxo ritmo bailaba a concorrencia entre bocado e bocado.
Non faltaron as autoridades, como o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; a directora de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, acompañados polo alcalde, Luís Pérez Barral, membros da corporación, o edil de Mar, Fernando Abraldes, e os patróns maiores de Aguiño, José Santamaría, e Ribeira, José Antonio Pérez. Tamén ningún deles arrincouse a bailar.