Luís Pérez Barral: «As nosas Festas do Verán son das máis grandes de Galicia»

Christopher Rodríguez
CH. Rodríguez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira.
Luís Pérez Barral, alcalde de Ribeira. CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor destaca a aposta por integrar aos barrios da cidade e a veciños de todos os rangos de idade na celebración dos festexos

01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Luís Pérez Barral afronta as súas terceiras Festas do Verán de Ribeira como alcalde do municipio e faino coa mesma ilusión do seu debut. Tamén mantén as apostas coas que considera que os festexos poden adquirir unha dimensión superior, pensando en ofrecer unhas celebracións familiares e nas que todos os barrios da cidade se sintan tan representados como integrados.

Como foi o proceso de confección do programa das Festas do Verán?

—Estivo elaborado polo equipo do concelleiro de Festexos, Francisco Suárez-Puerta, que sempre está innovando. Tratamos de traer espectáculos novos e diversos para que todos os públicos puideran sentirse recoñecidos e a gusto cos espectáculos. Máis alá disto, facemos todo tipo de actividades destinadas aos máis pequenos da casa. A nosa prioridade é que o pasen ben e que teñan actividades nas que poidan desfrutar.

—Nas súas primeiras festas como alcalde falaba da necesidade de implicar a todos os barrios na celebración, segue na mesma liña?

—Si. Queremos diversificar os festexos. É dicir, non queremos centralizalos todos na zona do Malecón. Sabemos que as atraccións están concentradas na fachada marítima, pero Ribeira é moito máis. Por iso apostamos por actuacións nos arredores do García Bayón, en Banda Ó Río ou na Porta do Sol. En canto a isto, volvemos a ter algo que tivo moi éxito o ano pasado: a sardiñada popular nas Avesadas.

—Volvendo ao programa, que é o que máis lle gusta ao alcalde de Ribeira a nivel persoal?

—Creo que o grupo Galician Army pode dar un bo espectáculo para a xente á que lle guste a música electrónica. É unha banda que esta percorrendo moitos festivais e que, ademais, é galega. Despois, se tivese que destacar algo a nivel festivo iríame á convivencia que se da entre a xente estes días de celebración. Incluso hai quen se pide vacacións no traballo para estar dispoñible para os festexos do verán. Creo que iso é unha clara demostración de que a xente está contenta de ser ribeirense e das súas celebracións.

—En que cre que se distingue o ambiente das Festas do Verán con respecto ao que se vive durante a Dorna?

—Son completamente diferentes. Eu diría que as do verán son as festas da xente máis nova. É dicir, as de volver á infancia. Tamén son unha boa oportunidade para poñer en valor xente de Ribeira con moito talento, por iso tratamos de darlle voz facéndoos pregoeiros. Queremos que os veciños se sintan orgullosos de xente que destaca nos ámbitos deportivos, cultural ou social, por iso lle damos voz. Son festas distintas e nosa idea é seguir potenciándoas.

—Houbo algún tipo de incremento en canto á dotación económica que o Concello destina ás festas?

—Máis ou menos é o mesmo investimento que se vén facendo nos últimos anos. A partir de aí, imos seleccionando distintas propostas diferentes, por exemplo, de carácter musical para que todos os públicos se vexan representados. No é que fagamos unha aposta económica a maiores, basicamente porque a situación do Concello é delicada nese sentido. Iso implicaría restarlle dotación a outros eventos festivos das parroquias e é algo que non queremos facer.

—Que lle di aos veciños dos demais municipios da bisbarra?

—Diríalles que se pasen por Ribeira, porque as nosas Festas do Verán son das máis grandes de Galicia. Non coñezo ningún concello que teña tantos atractivos nos deus festexos, o que significa diversión garantida para os máis pequenos. Traballouse moito neles e son celebracións para desfrutar con toda a familia. 

«Manter a seguridade é o prioritario para nós» 

O alcalde de Ribeira pon o foco en todo o que hai detrás dunha festa para que todo saia a pedir de boca. Moitas horas, reunións e unha estrutura organizativa definida son os ingredientes para que os veciños e visitantes que se acheguen á celebración tan só se teñan que preocupar de desfrutar.

—Ribeira é un caso particular a nivel festivo por acumular grandes citas nun espazo reducido no calendario, como se leva xestionar esta situación?

—Pois con moito traballo, moita organización e moitos meses de preparación para todos estes eventos. En menos de un mes tivemos o Encontro de Embarcacións Tradicionais, a Dorna, que foron todo un éxito, e as Festas do Verán. Hai reunións co departamento de limpeza para reforzar o servizo. Tamén cos corpos de seguridade e co grupo municipal de emerxencias para que todo funcione correctamente. Máis alá de pasalo ben e de que Ribeira se vexa beneficiada a nivel económico, manter a seguridade é o prioritario para nós.

—A afluencia de veciños e visitantes tamén compromete a circulación en coche e outras labores cotiás, cal foi o plan a este respecto?

—A nosa idea é traballar para que a calidade dos servizos públicos non se vexa minguada polo afluencia de xente, polo que tratamos de dar alternativas.

—A que se refire con alternativas?

—Pois, por exemplo, no ámbito da circulación puxemos en marcha un novo aparcamento disuasorio na avenida de Ferrol, xusto entrando en Ribeira. Isto sirve para que a xente que veña ao municipio poida deixar o seu vehículo aí e baixar camiñando ata o centro. Tamén, o ano pasado, municipalizamos o aparcamento do Centenario para abrilo as 24 horas con tarifas reducidas.

—Tamén é importante que reforzar a limpeza e a vixilancia nas rúas.

—Si claro. Estamos falando de que Ribeira ten máis de 27.000 habitantes ao longo de todo o ano, unha cifra que se multiplica nos meses de verán. Isto a nivel loxístico significa moito traballo. Por iso apostamos por reforzos policiais para garantir a seguridade e que todo vaia ben. Ademais, tamén hai que prestar atención en materia de limpeza. Sabemos que durante os festexos prodúcense moitísimos máis residuos e por tanto temos que focalizar os nosos esforzos en atallar aqueles puntos con máis movemento de persoas como o Malecón, Banda Ó Río e todo o centro urbano.