Santiago Méndez

Ciprián Rivas VELAÍ

RIBEIRA

Santiago Méndez
Santiago Méndez

09 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Acontece que cando desaparece alguén das nosas vidas é cando comezamos a valorar a súa obra. Anteriormente, tiñamos coñecemento da súa actividade e pensamento, pero nunca facemos o que temos que facer: recoller o que sementaron. Ocorreu co doutor Santiago Méndez Vites, médico de Ribeira, onde exerceu a maior parte da súa longa carreira profesional, dedicada a atender a xeracións de mulleres e familias nos coidados xinecolóxicos e de obstetricia, traendo innovacións metodolóxicas practicadas noutras partes do estado ou no estranxeiro.

O seu perfil de humanista levouno a implicarse na cousa pública como concelleiro da primeira corporación municipal en calidade de membro do Partido Comunista. Definirse politicamente naquel momento significaba apostar directamente pola democracia, despois de 40 anos de sometemento militar sen saber como acabaría o experimento, que se iniciaba. Daquela xeración de valentes quedarán xa moi poucos vivos, pero os que permanecen deberían de ser recoñecidos dalgunha maneira, o que levaría a eliminar o adanismo dalgunhas representacións políticas municipais que cren que antes deles só houbo fume e vento mal espallado.

Santiago Méndez, decidiu ser xeneroso coa súa vida e na súa vida, coidando da saúde dos seus veciños, sen descoidar, cando lle tocou, a boa administración da cidade onde viviu, preocupándose en mellorar a calidade de vida dun porto de pesca, nalgún momento, puxante. Foise aos 91 anos e para aqueles que o tratamos quédanos del a lembranza dun home esencialmente bo, reflectido no seu exemplo de vida.