
L as corporacións locais non se dedican unicamente a preocuparse polo mantemento da iluminación pública, das estradas ou camiños, polos problemas de sanidade ou a educación pública, ou pola limpeza viaria, senón que tamén teñen entre os seus labores promover e incentivar a cultura e o lecer entre a poboación. Así, o Concello de Ribeira, a través da concellaría de Cultura, quixo apostar polo promotor de espectáculos ribeirense José Antonio Fernández Paz. Froito desta alianza, este mes de febreiro poderase asistir no novo auditorio municipal, ao grande espectáculo musical, Remember Queen, no que se repasarán os grandes éxitos da famosa banda británica que liderou Freddie Mercury.
Os veciños de Ribeira e de toda a comarca de Barbanza en xeral, afeccionados á boa música, non terán que desprazarse ás grandes cidades para gozar dun concerto no que se mesturarán varios estilos musicais, desde o rock, ao pop, blues e incluso o heavy metal. É moi importante que a cidade centenaria poida contar con este tipo de actuacións musicais, que ata o de agora eran máis propias de urbes máis grandes como Vigo, Santiago ou A Coruña. Os veciños agradecémolo, como non podía ser doutro xeito, e confiamos en que se sigan promocionando.
Tamén hai que lembrar que este promotor de espectáculos foi o encargado da instalación da pista de xeo, durante estas pasadas datas do Nadal, á que acudiron centenares de persoas. A todo iso únese, que este mesmo mes de febreiro, concretamente o día 22, estará tamén en Ribeira o famoso e recoñecido internacionalmente ilusionista e meigo Dani Polo, nunha actuación aberta para todos os públicos. Os máis pequenos, e non tan pequenos, agradecerémolo porque pasaremos unhas horas de lecer, entretemento e goce.