A Policía Local de Ribeira interpuxo 15 sancións e realizou 74 requirimentos por incumprir a normativa anticovid

RIBEIRA

CARMELA QUEIJEIRO

Saltarse o precintado de parques infantís ou non manter a distancia de seguridade ao fumar foron as infraccións máis repetidas

23 novs 2020 . Actualizado ás 21:02 h.

O Concello de Ribeira reforzou esta fin de semana a vixilancia para constatar o cumprimento das medidas establecidas para controlar a propagación da pandemia no municipio. Como resultado, os axentes da Policía Local impuxeron 15 sancións e realizáronse 74 requirimentos por saltarse a normativa anticovid, e gran parte das infraccións tiñan relación con entrar nos parques infantís que foron pechados o venres.

As condutas inadecuadas en establecementos hostaleiros tamén protagonizaron varias das denuncias. Non levar a máscara mentres non se consome, non manter a distancia de seguridade ao fumar ou estar máis de seis persoas nunha mesa foron as accións máis sancionadas. A comisión municipal de seguimento da evolución do coronavirus decidiu colocar nas terrazas carteis informativos nos que se lembra o uso da máscara en todo momento menos cando se está consumindo.

Outro punto que se acordou na xunta de portavoces foi que o pleno extraordinario do vindeiro luns será telemático, coa excepción do alcalde e dos representantes dos grupos que si estarán presencialmente na sala de sesións.

Dispositivos en Noia

A Policía Autonómica desenvolveu esta fin de semana 26 dispositivos na provincia da Coruña no marco do plan de actuacións específicas destinadas ao control do cumprimento das medidas adoptadas polo coronavirus. Noia foi unha das localidades nas que o se despregaron os axentes do corpo autonómico.