










































Máis de 200 veciños participaron na comida de confraternidade en Casa Pachín
18 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Son as festas grandes de Rianxo e que mellores datas para poder homenaxear a uns dos piares da vila, os veciños de maior idade. Como cada ano, o mércores dos festexos da Guadalupe resérvanse para agradecer a estes rianxeiros todo o seu traballo e esforzo para poder sacar adiante o municipio.
O Día dos Nosos Maiores comezou coas alboradas do grupo de gaitas Os Festas, que recorreron o concello para anunciar outra xornada de celebración. Un pouco máis tarde das 13.00 horas comezaron a chegar á praza Castelao os buses que trasladaban desde as distintas parroquias aos veciños de maior idade para que puideran participar na sesión vermú, que foi amenizada polo Trío Alborada. Co corpo xa un pouco entonado e con ganas de continuar a troula, a seguinte parada foi no comedor de Casa Pachín, onde se citaron máis de 200 maiores para compartir mesa e mantel.
O rexedor de Rianxo, Julián Bustelo, e o concelleiro de Cultura, Julio Alcalde, xunto con outros oito membros da corporación, presidiron esta comida de confraternidade que foi elaborada e servida polo restaurante O Curral do Marqués, e que pagaron a partes iguais o Concello e os comensais.
Completo menú
Despois duns entrantes a base de empanadas, queixos e embutidos, os homenaxeados puideron dar boa conta dun completo menú que incluía de primeiro prato lagostinos ao forno, para logo degustar outro de bacallau á galega, un terceiro de carne asada, para rematar cun pastel de mil follas.
Tras a papatoria chegou o momento do baile para queimar calorías e aquí sempre está claro quen vai a ser o protagonista, José Manuel Domínguez, o Follarín —antigo cantante da orquestra Abanico—. «Xa non dan opción, os maiores sempre queren que sexa el quen amenice o baile», confesou o concelleiro de Cultura rianxeiro.
A actuación prolongouse ata media tarde e logo os participantes tiveron a opción de coller os autocares para volver ás súas casas ou seguir coa celebración no centro do pobo, posto que, ás 21.00 horas, estaba prevista a actuación da cantante Pili Pampín que houbo que cancelar o sábado por mor do mal tempo. Julio Alcalde recoñeceu que desde o Concello consideraron que o mellor momento para reprogramar o concerto era xusto no Día dos Nosos Maiores porque é un estilo de música que lles gusta moito.
Como colofón á xornada, e para aqueles que aguantaron, aínda quedaba a verbena, que nesta ocasión correu a cargo las orquestras Cayenna e Os Satélites.
A vila regresa ao pasado da man do Feirón Mariñeiro
É unha das xornadas máis esperadas das festas da Guadalupe e na que toda a veciñanza bótase á rúa ataviada coa roupa típica do 1925. O Feirón Mariñeiro volverá a reunir no casco vello da vila a decenas de veciños e visitantes que poderán percorrer os numerosos postos da feira de artesanía, así como de gastronomía.
Cé Orquestra Pantasma e o grupo Alaska se encargarán de animar a sesión vermú nas plazas da Igrexa e Castelao, e ás 20.00 horas os xardíns da Ribeira servirán de escenario para entoar os cánticos da Rianxeira Popular. A celebración continuará coa música de varios grupos folk, Banda Gaudí e New York.