Carta a meu avó Checho: de cando mercar era falar co veciño a un mundo de pantallas

Noa Moares

RIANXO

«Querido avó, hoxe, 13 anos despois da túa partida, penso no moito que cambiou o mundo»

16 sep 2025 . Actualizado a las 20:07 h.

Querido avó, hoxe, 13 anos despois da túa partida, penso no moito que cambiou o mundo dende aqueles tempos nos que comezabas con este proxecto chamado O Cesar. Cóntanme que ti abrías a porta da tenda e o primeiro que facías era saudar co sorrido de quen coñecía a cada cliente polo seu nome. As familias viñan, tocaban os tecidos, probaban os sofás, falaban de como lles ía a vida... Mercar un moble era tamén compartir un anaco da súa historia contigo.

Agora, avó, vivimos nun tempo distinto. A xente pode escoller un sillón sen velo, pode comprar un colchón sen deitarse, pode decorar a casa mirando só unha pantalla. Xa non hai que preguntar ao veciño nin confiar na palabra do comercial: basta un clic.

E con todo, seguimos aquí, en Rianxo, intentando que cada persoa que entra pola nosa porta sinta ese trato próximo que ti sementaches. Levamos máis de 100 anos de traxectoria, e iso é posible porque seguimos fiándonos dos valores que nos deixaches.

O mundo cambiou, si. Pero hai cousas que non deben cambiar nunca: o valor da palabra dada, a seguridade de saber quen está detrás dunha empresa, a tranquilidade de que alguén che escoita e che axuda a escoller o mellor para o teu fogar.

Grazas avó, por sementar en nós a idea de que detrás dun moble hai sempre unha historia de vida. E grazas tamén a todas as familias que, ano tras ano, seguen confiando en nós para escribir a súa.

Con cariño, a túa familia, que mantén vivo o teu legado en O Cesar.