O «Pájaro pinto» ponlle a banda sonora á vila

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

CARMELA QUEIJEIRO

Preto dun cento de postos de artesanía, de asociacións do municipio e establecementos hostaleiros encherán de música e balbordo cada recuncho do Cabo da Vila

16 sep 2025 . Actualizado a las 11:00 h.

Na semana da Guadalupe, por unha ou outra razón, todos os días son o día grande das festas: o Chupitaso porque é o arranque, o domingo pola procesión, o venres das bengalas... Pero se houbera que elixir unha xornada que reflicte a esencia da idiosincrasia de Rianxo ese é sen dúbida o xoves. O Feirón Mariñeiro é unha cita obrigada á que todo rianxeiro de ben procura chegar coas pilas cargadas e a gorxa ben afinada para cantar o Pájaro pinto.

A rianxeira é o himno oficial de Rianxo, pero hai tamén un himno oficioso que resoa sen parar polas rúas e praciñas do Cabo da Vila durante todo o xoves de Guadalupe. O que non sabe a letra fai por aprendela porque non hai Feirón sen Pájaro pinto. «Ai Rianxo, Rianxo, pájaro pinto, a ghanansia do peixe xa se vai indo...» cántase da mañá á noite coas mesmas ganas que a primeira vez.

É parte esencial dunha banda sonora de gaitas e pandeiretas que se abren paso entre a multitude que se arremuíña arredor dos postos que comerciantes e asociacións de Rianxo poñen na rúa. Este ano serán, de novo, preto dun cento os estands que se situarán na zona antiga da vila con produtos artesáns de todo tipo e tamén comida.

Porque o día do Feirón non se vai á casa nin para comer. O que corresponde é saír a media mañá coa saia de pesca ou o pantalón azul e a camisa branca e ir de posto en posto, picando de aquí e de alá, facendo parada nos bares, botando un baile na Praciña e outro na Fonte e, por suposto, arrincándose a cantar A rianxeira e o Pájaro pinto.

Os máis preparados levan a comida da casa e converten a Ribeira nunha romaría, con mesas e manteis colocados nos xardíns para desfrutar dun xantar en familia ou con amigos coas gaitas soando de fondo.

Nos Xardíns

A música é unha parte esencial do Feirón Mariñeiro, xa sexa cos grupos que percorren as rúas improvisando pezas ou cos artistas contratados para a sesión vermú ou para a Noite Folc que pon o broche á xornada do xoves.

Pero antes do remate hai unha cita importante. O que naceu sendo un acto espontáneo da xente acabou por converterse nun ritual no que rianxeiros e foráneos participan masivamente. Á tardiña, cando o sol comeza a agocharse, a multitude concéntrase nos xardíns da Ribeira para a que é, se cabe, unha das cantatas da Rianxeira máis emocionantes.

É un xeito de poñer o punto e final ao Feirón Mariñeiro ata o ano seguinte. Aínda que a festa continúa ata ben entrada a madrugada, os postos de artesanía comezan a recollerse, as asociacións que durante todo o día despachan comida e bebida para recadar fondos tamén pechan cociñas e pouco a pouco o Cabo da Vila vaise baleirando, a multitude que durante todo o día ateigou as pequenas rúas vaise dispersando e volve a tranquilidade mentres ao lonxe seguen resoando os acordes do Pájaro pinto.