
O dirixente da comisión repasa o programa da que será a cuarta edición da xeira despois de Xixí
18 sep 2025 . Actualizado a las 05:05 h.Organizar unhas festas sempre é un reto, pero se ademais son as da Guadalupe, o desafío é aínda maior. En poucos sitios se vive a semana grande da vila coa intensidade coa que se fai en Rianxo e iso provoca que se mire con lupa o traballo da comisión, un equipo renovado á fronte do que está Carlos Ces.
—Este tipo de entrevistas están pensadas para «vender» as festas, pero á Guadalupe faille falla ou véndese soa?
—Efectivamente, véndese soa. Incluso teño atopado moitas veces xente que nunca estivo, pero que coñece as festas. Creo que son unhas celebracións que se coñecen por seguir sendo como eran, as verbenas están cambiando os formatos en todos sitios e nós intentamos manter a esencia de sempre: a verbena para bailar. Aínda que claro que hai espazo para os DJ e os sábados estamos apostando por innovar. Este ano temos a verbena galega.
—É unha das novidades, con Pili Pampín entre os artistas que actuarán. É unha aposta curiosa en Rianxo, onde sempre se escapa un pouco dos grandes nomes e orquestras máis espectáculo.
—Algunha desas orquestras máis grandes si ten vido algunha vez, pero son moitos días e moitas orquestras e temos que buscar un equilibrio. Este ano contamos coma sempre con agrupacións de primeiro nivel, como Marbella ou Gran Parada, e con varias novidades que nunca viñeron a Rianxo.
—Pode dicirse que a Guadalupe descubre novas orquestras para o gran público.
—Si, arriscamos un pouco o primeiro ano que o fixemos, pero gústanos traer formacións novas que tocan máis rock. Temos de novo a Banda Gaudí, que foi un éxito a primeira vez que veu e agora xa é moi coñecida aquí.
—E tamén moi solicitada, porque despois de cada edición fan unha enquisa na que a xente vota polas agrupacións que máis lle gustaron. Iso marca un pouco a pauta para o ano seguinte?
—Témolo en conta en termos xerais, pero é imposible atender a todo, aínda que o intentamos.
—Unha aposta que non tivo a acollida esperada foron os drons e este ano volven aos fogos de artificio de sempre...
—Si. Os drons foi unha aposta que fixemos convencidos, e non estamos pechados a que volvan algún día, este tipo de espectáculos van mellorando co tempo. O ano pasado faltoulles un pouco de chispa, pero xa veremos, aquí cada ano pode pasar de todo.
—En Rianxo os veciños financian as festas través da cota que pagan, cre que iso fai que as sintan como propias?
—Si, e vese sempre na participación que hai nas festas, estase falando da Guadalupe todo o ano... Quizais tamén por iso a xente é moito máis crítica, estamos sempre no ollo do furarán. Ás veces é duro escoitar certas cousas, pero é normal, mírannos con lupa, a Guadalupe é a festa de todos e non a vaiamos estragar.
—Como logran manter tantos días de festa?
—É un equilibrio moi complicado. Hai unha simbiose entre o Concello e a comisión que fai que poidamos manter este formato, pero no momento en que un dos dous falle non vai ser posible.
O
Ces valora a incorporación de caras novas á asociación. FOTo C. Queijeiro