Luís Tembra e Emilio Saborido: Dispostos a crear un monte autóctono

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. branco RIBEIRA / LA VOZ

RIANXO

MARCOS CREO

Traballan desde hai un ano na eliminación de especies foráneas en Taragoña

22 sep 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A vaga de lumes que en outubro do 2017 afectou a diferentes zonas de Galicia fixo que aflorara en moitos unha sensibilidade medioambiental que permanecía adurmiñada. Luís Tembra e Emilio Saborido son dous veciños de Taragoña que quedaron tocados por aquela traxedia, ata o punto de tomar a decisión de non permaneceren quietos e propuxéronse actuar na medida das súas posibilidades. Empezaron limpando un anaco de terreo e remataron formando un colectivo, Fousas ao Monte, que mesmo vén de facerse cargo da comunidade de montes da parroquia. Aspiran a facer da localidade un paraíso de especies autóctonas.

Foi hai preto dun ano cando estes rianxeiros decidiron pasar á acción: «Había unha zona en Campo Maneiro onde fixeramos unha plantación facía máis de 20 anos, cando estudábamos no colexio Brea Segade. Coma o resto do monte, estaba chea de maleza e de especies foráneas», explica Luís Tembra. Reuniron a un grupo de veciños e, utensilios axeitados na man, eliminaron todo aquilo que consideraban prexudicial. Repetiron a experiencia, completándoa con accións de repoboación mediante castiñeiros, carballos e outras árbores similares.

Ata en media ducia de ocasións actuaron as Fousas ao Monte, que conseguiron ir involucrando na súa causa aos veciños. O gran obxectivo está claro: «Queremos conseguir un monte totalmente autóctono, sen especies invasoras, implicando á xente que vive dándolle as costas». Así o explica Tembra, que é consciente de que para lograr ese reto é imprescindible que os veciños se involucren. «Pouco a pouco imos sensibilizando e gañando adeptos. O tempo libre escasea, pero penso que despois desta primeira etapa de arranque, a partir de agora imos ir sumando colaboradores», engadiu Emilio Saborido.

Campo Maneiro, ou epicentro

Como zona cero do seu gran proxecto, Fousas ao Monte elixiu Campo Maneiro, un espazo que xa fora sometido a actuacións ecolóxicas no pasado. De realizar algunhas encargárase Antrospinos, colectivo no que Luís Tembra tamén estivo involucrado: «En varias ocasións dedicamos os beneficios do festival a levar a cabo plantacións, sempre de especies autóctonas e sempre ao redor de Campo Maneiro, onde teñen lugar os concertos. Pero, co paso do tempo, acabou todo abandonado».

A partir de aí, irán estendendo o seu radio de acción ao resto do territorio que abrangue a comunidade de montes, conscientes de que o seu é un proxecto máis de sentimento que de números: «Taragoña ten moi pouca superficie de monte, polo que non aspiramos a conseguir unha rendibilidade económica, senón máis ben a aproveitar eses terreos que temos para facer sendeiros e promover andainas», comenta Luís Tembra coa mente posta no futuro.

Porén, contan, para percorrer o camiño que teñen deseñado, con axuda: «O Concello de Rianxo amosouse sempre disposto a colaborar con nós, enviando maquinaria alí onde é reclamada, pero a nosa loita está en concienciar aos veciños, teñen que sentir que o monte é deles para así animarse a coidalo», explica Emilio Saborido.

Son optimistas, porque xa viron como persoas de tódalas idades se unían á súa causa: «Para nós foi unha satisfacción traballar con xente maior, porque se ten a concepción de que están entre os grandes defensores do eucalipto e non sempre é así», comenta Luís Tembra. Iso si, de cara ao futuro, o que lle interesa a el e aos seus compañeiros de aventura é involucrar nas actividades de Fousas ao Monte ás novas xeracións: «Queremos que participen nas limpezas e nas plantacións para que medren respectando o seu monte».

O colectivo. Fousas ao Monte entrou en funcionamento hai un ano e este verán fusionouse coa comunidade de montes de Taragoña.

Chamamento. A entidade regresa ao monte hoxe, ás 9.30 horas. Realizará unha nova limpeza nas plantacións de Campo Maneiro.