Un día da Virxe do Loreto para os máis valentes fronte á auga no Carmen de Porto do Son
PORTO DO SON




















































Os máis previsores non dubidaron en achegarse ao campamento do Loreto con toldos, paraugas e demais fórmulas de resgardo para poder gozar da comida
10 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Se hai algo que caracteriza ás festas en Galicia, é que nin a choiva é motivo para deixar de celebralas. O «e se chove, que chova» fíxose tanxible no día da Virxe do Loreto do Carmen de Porto do Son, con múltiples valentes que se sobrepuxeron ao estado do ceo para non perderse unha dos días máis especiais da festividade.
A xornada empezou tal e como estaba prevista, cunha sucesión de misas desde as 9.00 horas nas que moitos pediron para que as nubes non descargasen sobre o municipio. A pesar de isto, coma se estivese escrito, as primeiras gotas comezaron a caer cando as sardiñas da comida popular empezaban a achegarse ao momento no que estaba previsto que fose un concorrido acto, en vista da grande afluencia de persoas que houbo durante a parte inicial do día.
Os máis previsores non dubidaron en achegarse ao campamento do Loreto con toldos, paraugas e demais fórmulas de resgardo para poder gozar da comida sen acabar calados ata os ósos. Aínda así, a sardiñada foi un éxito do que puideron gozar persoas de todas as idades.
O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, estivo presente no inicio das celebracións, destacando a boa acollida nas súas dúas últimas xornadas, tendo en conta o inicio do curso escolar. Doutra banda, falou de que, con motivo da choiva, chegou a perigar a verbena programada para o martes, aínda que finalmente se decidiu que, salvo causa de forza maior, levaría a cabo.
Facendo balance das festas ata o momento, o rexedor mostrouse máis que satisfeito, aínda que advertiu que aínda queda moita tea que cortar no Carmen de Porto do Son.
Sen ir máis lonxe, hoxe terá lugar o día de San Roque, que comezará con dianas e alboradas a cargo do grupo de gaitas Canlebó e a banda de música de Caamaño. Ao mediodía está previsto que se oficie unha misa solemne na capela da Atalaia en honra ao santo, seguida dunha procesión. Pola noite, a verbena estará amenizada polas orquestras Os Satélites e Finisterre na penúltima xornada de actividade festiva en Porto do Son.