
O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, anima a veciños e visitantes a gozar das celebracións
07 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.Rompetiño, Festa Charramangueiro, Feira Celta, exaltación de polbo, Carme de Portosín e distintas celebracións en todas as parroquias,... «porque todos os fines de semana do verán houbo algunha celebración», apunta o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, que fai un balance máis que positivo destes dous últimos meses, tanto desde o punto de vista da hostalería como do comercio, «cun retorno económico moi satisfactorio».
E, para darlle a puntilla á época estival, agora chegan as Festas do Carme, «que son o colofón do verán e as máis importantes de todas», recalca o mandatario de Porto do Son. Recoñece que aínda que é unha celebración bastante familiar, «porque somos un pobo moi mariñeiro e devoto da patroa do mar», tamén chegan cada ano miles de persoas doutros concellos para participar nas celebracións, así como veciños que viven fóra e retornan estes días.
Para o alcalde sonense, dous das citas máis importantes destes festexos son a procesión coa imaxe da santa, que percorre gran parte do municipio para logo embarcar e realizar unha pequena viaxe por mar ata a zona da Atalaia onde se lanza a coroa de flores; e a comida de confraternidade no campamento de Loreto. Oujo insiste en que son dous eventos moi emotivos e familiares, e por iso, se o tempo permite, invita a participar a todo o mundo e a gozar ao máximo das celebracións aproveitando tamén que o martes, 9 de setembro, será festivo no municipio.
Oujo lembrou que foi hai anos cando os mariñeiros que ían á sardiña decidiron non interromper a campaña e atrasar ata setembro as celebracións en honra da patroa do mar.
Pregón de Juan Fuentes
Porto do Son inicia hoxe cinco días de celebracións que comezarán como as dianas e alboradas a cargo do grupo de gaitas Canlebó, que será o encargado de espertar aos veciños para anunciar o comezo das festas. Os cabezudos Vos Viqueiras de Ordes realizarán un pasacalles desde o colexio Santa Irene ata a praza de España.
Alí, ás 13.00 horas, darase o pregón inaugural, que correrá a cargo do xornalista Juan Fuentes. O programa de hoxe incluirá un partido de fútbol e de animar a verbena encargaranse as orquestras Os Españois e Marbella, e Chocolate Discomóbil.