
O eixo será un mercado con máis dun centenar de postos
17 jul 2025 . Actualizado á 15:00 h.Un gran mercado con máis dun centenar de postos constituirá o epicentro da Feira Celta que entre o venres e o domingo da próxima semana celebrarase en Porto do Son. Serán casetas nas que o público atopará un variado abano de produtos, fundamentalmente téxtiles e artesanía, pero destacando tamén os espazos destinados á gastronomía.
O alcalde, Luis Oujo; a concelleira de Cultura, Alicia Martínez; e a técnica deste departamento, Lidia Moledo, debullaron o programa de actividades lúdicas que animará a cita. A feira arrincará o venres, ás 17.00 horas. Esa primeira xornada, culminará cos primeiros pratos fortes: espectáculos de lume e danza, e o concerto de Awen.
A festa gañará intensidade o sábado, con espectáculos constantes que porán en escena xigantes, bufóns, bruxos e todo tipo de personaxes fantásticos. Para as 21.30 hai fixado un pasacalles de gran formato e, a partir das 23.30, unha fusión de lume, danza e pirotecnia, e un concerto de música celta.
A programación do domingo será similar, pero culminará cun grande espectáculo final a cargo de tres agrupacións. Todas as xornadas, a feira incluirá talleres, contacontos e un recuncho infantil.
Tanto Luís Oujo como Alicia Martínez destacaron a ampla programación deste ano, que busca satisfacer a todos os públicos e conseguir que non haxa descanso lúdicos durante as tres xornadas de Feira Celta.
Á cita tamén poden sumarse as entidades sen ánimo de lucro do municipio, que teñen á súa disposición un formulario na páxina web do Concello. O prazo para solicitar un espazo na feira concluirá o 23.