«Foron noventa minutos de concerto, pero a min parecéronme nove»

Laura Grela / A. G. RIBEIRA

PORTO DO SON

Andrea Carleos

A banda de Porto do Son celebrou os seus 25 anos de andaina cunha actuación especial

24 ago 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A música tradicional sempre estivo presente na vida de Pepe Romero . Sendo fillo dos fundadores do mítico grupo Os Rosales de Asados, dedicarse a esta disciplina era case inevitable. Empezou coa súa instrución musical de moi neno.

Recalca a figura de José Bandín, director da banda municipal da súa Rianxo natal, aos seus escasos 9 anos: «Bandín proporcionoume a miña primeira toma de contacto coa formación académica. El ensinoume todos os valores que, a día de hoxe, sigo empregando a hora de traballar». A partir de aí, comezou unha profunda formación. Pasou polo conservatorio de Santiago, Noia e Vilagarcía. Viaxou tamén por Europa aprendendo novas técnicas.

Todos estes coñecementos non tardou en transmitilos coa creación, no 1983, da escola municipal de gaita e percusión de Ribeira. Dela xurdiu Ancoradoiro. Por cuestións naturais, a agrupación acabou desaparecendo. Con todo, non foi o caso do seu segundo proxecto: Suevia.

O grupo naceu no municipio sonense por proposta dun dos alumnos: «As miñas clases viña o irmán do alcalde de Porto do Son de aquel momento. Ao rapaz interesáballe ter unha escola similar no seu concello, polo que llo propuxo e así orixinouse».

Pepe Romero lembra unha frase que lle dixo unha veciña ao abrir a escola sonense: «A ver o que dura porque aquí nada aguanta máis de dous anos». Desde iso xa pasou un cuarto de século. En todo este tempo, o grupo levou a cabo grandes cambios. Unha das principais variacións foi o enfoque: «Pasamos de ser unha banda de gaitas ao uso a converternos nunha agrupación máis concertante».

O rianxeiro si que comenta un punto negativo, a diminución dos integrantes: «Cando empezamos esta andaina eramos máis de 40, pero agora só somos 13». Con todo, el non relaciona a continuidade da música tradicional co número, máis ben co compromiso. Por iso, séntese moi orgulloso da súa filosofía aplicada: «Cando consegues que a xente entre aos 8 anos e siga contigo aos 40, é que algo fixeches ben».

Venda de discos

O pasado 15 de agosto pola noite, veciños e visitantes xuntáronse na praza de España de Porto do Son. A causa non era menor, o grupo realizaba unha actuación especial co gallo da celebración do seu 25 aniversario. «Deberiamos facer isto cada ano», manifesta o gaiteiro. Romero recalca a gran afluencia de asistentes: «Antes de comezar a praza xa estaba chea. Este poder de convocatoria só o consegue Carlos Núñez».

A noite estivo cargada de sorpresas: «Conseguimos reunir a un montón de exmembros e case non collíamos no escenario». Chegaron todos xuntos á praza cun desfile onde «a afinación foi marabillosa». Outro elemento a destacar polo artista foi a gran demanda de discos do grupo: «Levamos dúas caixas de discos e non quedou ningún, se o chego a saber levo catro. Se alguén quedou sen el que o pida, que se lle mandan gratuitamente».

En poucas palabras, foi todo un éxito: «Foron noventa minutos de concerto, pero a min parecéronme nove». Para que todo isto fose posible, recalca a colaboración do Concello de Porto do Son e do equipo de son Musieventos de Ribeira.

Agora Suevia ten un novo obxectivo. Busca facer un circuíto de actuacións por toda a comarca «dende Rianxo hasta Cee». Este é un soño que hai tempo que queren cumprir. A idea é, ademais do seu concerto, que os grupos locais poidan participar. Tanto de forma independente como, mesmo, cunha colaboración entre ambos.