Exaltación artística do traballo no mar de Porto do Son

PORTO DO SON

cedida

Dous artistas de Berlín e Budapest dirixen unha montaxe no que participan medio centenar de veciños

12 oct 2022 . Actualizado ás 11:25 h.

Desembarcaron por vez primeira en Porto do Son en febreiro e, desde entón, Antje Schiffers, artista visual de Berlín, e Katalin Erdódi, dramaturga, volveron en tres ocasiones máis á localidade co fin de darlle forma a un espectáculo titulado Ou canto dá poxa. Trátase dunha creación colectiva á que se sumaron medio centenar de veciños e que persegue exaltar o traballo no mar.

O resultado das horas de investigación e ensaio poderase ver este sábado. O espectáculo comezará ás 19.00 horas na praza de España de Porto do Son, cun desfile musical que concluirá na lonxa, onde terá lugar o groso da intervención artística. Entre os participantes atópanse integrantes da banda de música tradicional Suevia e do grupo de danza Anduriña, así como pescadores, redeiras, placeiros e ata percebeiros chegados desde Corme.

O obxectivo, segundo as artistas, é «darlle valor ao traballo que fai a xente do mar e abordar tamén cal pode ser o futuro destas profesións que poucos mozos queren desempeñar». Para iso, crearon un espectáculo que fusiona baile, música, narración e elementos de arte visual. Nesta montaxe, os traballadores do mar que foron esenciais na investigación levada a cabo por Antje e Katalin convértense tamén en protagonistas.

As dúas artistas levaron a cabo iniciativas similares en Hungría, onde elixiron un pobo dedicado á produción de sandías, e en Alemaña, onde tamén se decantaron por unha localidade eminentemente agrícola. Ao recalar en Porto do Son buscaron darlle continuidade a esa liña de traballo relacionada coa vida no ámbito rural, pero enfocándoa cara á combinación da terra co mar, nunca antes explorada.

Aínda que o traballo no mar é o epicentro do espectáculo que crearon, as artistas incluíron pinceladas de tradicións propias da localidade sonense, como a arte das alfombras florais, e da historia, por exemplo, a importancia que no pasado tivo o porto que existiu en Queiruga.