Cinco sonenses, a descubrir Estremadura

s. gómez RIBEIRA / LA VOZ

PORTO DO SON

MARCOS CREO

Alumnas de terceiro da ESO competirán no campionato de España que se celebra no Val de Ambroz-Hervás

03 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O que comezou como unha casualidade levará a Indira Fernández, Noa Filgueira, Claudia Piñeiro e ás irmás María e Raquel Queiruga a participar no Campionato de España de Centros Escolares de Orientación. Viaxarán mañá a Estremadura, onde deberán completar tres carreiras. Farano só provistas dun simple mapa e un compás, nun terreo inhóspito e descoñecido, onde as cinco estudantes do instituto de Porto do Son deben atopar a meta coa única axuda das súas cabezas.

«Hai cuestión duns tres meses que comezaron a adestrar xuntas coa profesora de educación física. Encantoulles este deporte e entre elas conectaron xenial», destaca a nai de dúas das novas, Raquel Romay. Foi grazas ao impuxo da mestra Alejandra Carro que aceptaron o reto.

Tras debutar en Boiro nunha competición destas características, o instituto de Porto do Son foi chamado a participar a outra na Coruña, para rematar pelexando polo título galego en Ourense. «Foi por iso que nos chamaron a nós», afirma Romay, en relación ao centro educativo sonense, do que destaca as múltiples actividades extraescolares que realizan as crías.

O itinerario

As cinco novos, que irradian ilusión, chegarán este xoves ao Val de Ambroz-Hervás, ao norte da provincia de Cáceres, Estremadura. Unha vez instaladas no albergue onde compartirán vivencias con outros centros educativos galegos e españois, farán un primeiro adestramento para recoñecer o terreo. O venres terán a súa primeira carreira de orientación na zona de La Muela.

Sábado volverán competir, esta vez en Hervás, para participar despois na entrega de premios e nun festival para as diferentes comunidades que se darán cita neste Campionato de España. Domingo non terán descanso, xa que se pechará o torneo cunha última proba de substitucións, en Baños de Montemayor.

Aínda que competirán sen axuda de ninguén, Alejandra Carro acompañaraas nesta viaxe, xa que a mestra foi fundamental para que as mozas coñecesen este novo mundo. «É un deporte moi completo, que lles axuda intelectualmente. Van a ir como leoas a por todo, e por amais melloraron o seu rendemento académico», destacou unha Raquel Romay que sabe que estas cinco estudantes de terceiro da ESO descubrirán o camiño para conquistar Estremadura.