O concelleiro socialista José Antonio Caamaño presenta en Outes unha moción de censura co PP
![Ana Gerpe Varela](https://img.lavdg.com/sc/ZCmIDP-Sxtcm7gvdKIfiM3tNLQA=/75x75/perfiles/191/1622721976037_thumb.jpg)
OUTES
![Antonio Caamaño, portavoz del PSOE de Outes](https://img.lavdg.com/sc/62TDtBEaqf5uP2l-61PImX76N30=/480x/2025/02/04/00121738682581784203264/Foto/b_20240611_122548000.jpg)
Fontes do PSOE provincial aseguran que será expulsado do partido, mentres os populares outienses sinalan que «foi todo moi rápido»
11 feb 2025 . Actualizado á 14:46 h.Sete días pasaron desde que o concelleiro do PSOE de Outes, José Antonio Caamaño, abandonase o goberno tripartito xunto a Compromiso Outes e BNG nado tras os comicios do 2023 e aínda que no momento de dar a coñecer a súa decisión apuntou ía integrarse na oposición «onde polo menos poderemos expresarnos sen medo e sen coaccións e defender de verdade as necesidades dos veciños e veciñas, que foron quen nos puxo aquí», o certo é que esta mañá presentou xunto co PP unha proposta de moción de censura.
Faio, apuntan desde o PSOE provincial, de xeito individual e sen contar co respaldo do partido. Fontes socialistas recalcaron que «o PSOE non avala ningunha moción de censura co PP». Tamén sinalaron que será expulsado.
O escrito de moción de censura foi presentado á primeira hora no rexistro do Concello, coas firmas dos edís do PP que lidera Francisco Calo, quen desde o primeiro momento dixo estar aberto ao diálogo, e a do socialista José Antonio Caamaño. Segundo o artigo 197 do Réxime Electoral Xeral, o pleno deberá convocarse ás 12.00 horas do décimo día hábil seguinte. Isto significa que o pleno deberá celebrarse o 25 de febreiro.
A explicación do PP
Pola súa banda, o portavoz e cabeza de lista do PP de Outes, Francisco Calo, sinalou que «nós sempre tivemos o respaldo do partido para facer o que vísemos máis oportuno polos veciños». En canto aos contactos mantidos co socialista José Antonio Caamaño para presentar a moción de censura, apuntou que «foi todo moi rápido». Ao parecer, e aínda que o socialista xa expresou en decembro do pasado ano que ía reflexionar sobre a súa continuidade no goberno, as conversacións co PP non se produciron ata a semana pasada, unha vez Caamaño comunicou oficialmente que deixaba o executivo.
Desde o PP apuntan que toman a decisión polos máis que evidentes «signos de deterioración na vida municipal». Explican que nos comicios de maio do 2023 «adquirimos un compromiso cos veciños que, entre outras cousas, inclúe a toma de decisións que consideramos beneficiosas para o concello de Outes. ESta foi unha delas. É sabido que os veciños non lle otorgaron a ningún grupo a maioría absoluta, polo que a única forma de darlle estabilidade ao Concello é por medio de acordos».
![Francisco Calo, portavoz del PP de Outes](https://img.lavdg.com/sc/znG9D9ByFRLfYMYau2VsfJSfMQg=/480x/2024/06/11/00121718112001655451107/Foto/BJ12C4F4_151814.jpg)
Recalcan na formación popular liderada por Francisco Calo, que concorreu por primeira vez a uns comicios locais no 2023, que «o noso grupo municipal presentouse ás pasadas eleccións cun programa electoral no que se establecían as nosas liñas de actuación para Outes, o cal foi o máis votado polos veciños, e neste momento, a través do diálogo, danse as circunstancias de poder levalas adiante. Este e o motivo de presentar esta moción de censura».
O PP sinala que «Outes leva preto de dous anos perdidos deste mandato, sería un acto de irresponsabilidade non reverter esta situación tendo a oportunidade de facelo».
Avanzan os populares algunhas das liñas mestras do seu proxecto, en caso de prosperar a moción de censura, indicando que «descoñecemos o alcance real da mala situación económica imperante no concello, por iso a nosa primeira acción de goberno será, en caso de prosperar esta moción, avaliar e valorar dita situación, para deseguido redactar un orzamento realista para Outes, xa que entendemos que un dos erros destes últimos anos foi intentar xestionar un concello con ausencia de orzamento a primeiros de ano».
Únete á nosa canle de WhatsApp
No ámbito dos servizos municipais, indican que darán os pasos necesarios para «recompoñer unha brigada de obras desmantelada» e no capítulo de investimentos, avanzan que «retomaremos as relacións e o diálogo con Administracións superiores co fin de atraer actuacións e que desenrolen proxectos en Outes que de verdade necesiten os nosos veciños, rematando así coa parálise que vimos arrastrando».
![Manuel González, alcalde de Outes](https://img.lavdg.com/sc/dgasgQBDKncoQT792zTrhG0EqR0=/480x/2022/04/01/00121648817401710225873/Foto/BA2C4F1_1.jpg)
O alcalde de Outes afirma que o edil do PSOE se move por intereses persoais e que «ao PP todo lle vale para ocupar o poder, mesmo pactar cun tránsfuga»
Manuel González manifesta estar orgulloso do traballo realizado en case seis anos de mandato e agradece aos veciños a oportunidade dada
Contundente mostrouse o alcalde de Outes, Manuel González, na súa valoración sobre os artífices da moción de censura presentada no rexistro municipal. Cualifica a decisión do socialista José Antonio Caamaño, quen ata a pasada semana foi un dos integrantes do goberno tripartito, de incomprensible e patética: «É un día triste para Outes». Asegura o rexedor que o acontecido «demostra o que fomos descubrindo nas últimas semanas de Antonio Caamaño, que non ten principios nin sabe o lugar que ocupa. Móvese por intereses persoais».
Tamén tallante foi co PP e o seu portavoz, Francisco Calo, «a quen todo lle vale para ocupar o poder sen agardar ás vindeiras eleccións municipais, mesmo pactar cun tránsfuga».
Manuel González manifesta ter a conciencia tranquila e sentirse orgulloso do traballo desempeñado durante estes case seis anos de mandato municipal. Ao tempo, agradece aos veciños «que me tiveran dado a oportunidade de ser o alcalde do meu pobo».
![Anxo Núñez, voceiro do BNG de Outes](https://img.lavdg.com/sc/4EqzPWClrBrhL9t6EcJDbaAvqhw=/480x/2024/06/11/00121718111882163554974/Foto/BJ12C4F3_151659.jpg)
O BNG fala de traizón aos veciños por motivos persoais
O portavoz municipal do BNG, Anxo Núñez, cualifica a decisión do socialista de «traizón á veciñanza por motivos persoais». Referíndose ao PP, manifestou que busca «o poder polo poder a calquera prezo». Indicou Anxo Núñez que un dos argumentos esgrimidos para presentar a moción de censura é a falta de transparencia no seo do goberno e respecto diso sinala que «como se pode entender que se fale de falta de transparencia cando fan un acordo de costas á veciñanza».
Núñez lamenta «un pacto da infamia que só responde a intereses persoais e a ver en que condicións». Afirma que «traizoan á veciñanza nun momento no que o goberno estaba traballando moi ben e sacando moitas cousas. É certo que faltan cousas por facer, pero estábanse dando pasos».
Dirixíndose ao PP invítalles a reflexionar sobre se consideran que realmente están a facer o mellor para os veciños «pactando cun concelleiro do que un non se pode fiar». Así mesmo, replica que se traizoa a decisión maioritaria dos veciños «ou mando democrático» dado que as forzas de esquerda foron as máis apoiadas nos comicios do 2023 e pregúntase cal é o prezo do pacto de goberno.
En canto ao socialista Antonio Caamaño, o portavoz municipal do BNG comentou que se realmente lle preocupasen os intereses veciñais tería outras formas de proceder.
Movemento Sumar Galicia esixe a Besteiro a expulsiòn de Caamaño
O secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López, esixiu ao secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, a «inmediata expulsión» do concelleiro do PSOE de Outes que acaba de asinar unha moción de censura co PP «para quitar do goberno ao alcalde progresista Manuel González».
Paulo Carlos López cualifica de intolerable o ocorrido e indica que o PSdeG debe aplicar o pacto antitransfuguismo «e facer todo o posible para paralizar a moción». Subliña que «non ten sentido predicar valores progresistas para logo darlle gobernos ao PP en Galicia, como fixo en Mondariz e agora en Outes».
Así mesmo manifesta o secretario xeral que un movemento deste tipo «merma a confianza que de Movemento Sumar Galicia ten no PSdeG como socio fiable».