Adisbismur planta medio centenar de freixos no parque outiense de Vista Alegre
OUTES
A acción forma parte do proxecto ReNatur que leva a cabo no tramo urbano do río Tins
24 ene 2025 . Actualizado á 14:11 h.Usuarios e monitores de Adisbismur plantaron 55 freixos no parque de Vista Alegre, en Outes, como parte das intervencións en marcha para a renaturalización do tramo urbano do río Tins que impulsa o proxecto ReNatur. Con esta acción son xa máis de 300 as árbores frondosas que se engadiron a esta contorna.
Esta última intervención tiña como finalidade contribuír á recuperación dos ecosistemas de ribeira na zona da desembocadura do río, situada na Rede Natural 2000. Para iso, optouse por especies que teñen unha especial importancia como refuxio de invertebrados e que actúan tamén na consolidación do terreo, evitando así a erosión en posibles riadas.
Durante a intervención levada a cabo por Adisbismur, os voluntarios tamén colaboraron na eliminación e control de especies exóticas invasoras, co fin de favorecer así o asentamento de plantas autóctonas.
Liderado polo Concello de Outes, o plan Renatur conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas, a Fundación Montescola e o Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal. Ten o apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
O eixo deste programa é a recuperación do bosque de ribeira e o control das especies invasoras, a limpeza de residuos na contorna fluvial, a sensibilización ambiental mediante accións de voluntariado e o fomento da participación. Así, non só se busca recuperar e mellorar a diversidade, senón tamén xerar un compromiso social.