Manuel Otero, o heroe do desembarco de Normandía que levou o loito a Outes

Ana Lorenzo Fernández
Ana Lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

MARCOS CREO

Foi o único soldado español que participou na famosa manobra militar na que perdeu a vida hai 80 anos

08 jun 2024 . Actualizado á 20:31 h.

«Para a familia foi algo moi triste. A súa ausencia perviviu sempre na casa, e a miña nai mantivo o loito polo seu irmán toda a vida. Coñecín á miña nai vestida de negro e así seguiu». A que fala é Gemma Martínez, a sobriña de Manuel Otero e unha das impulsoras, —xunto coa asociación coruñesa The Royal Green Jackets— de sacar á luz a historia o único galego e español que participou no desembarco de Normandía e que perdeu a vida na area da praia de Omaha.

Tiña só 28 anos cando pisou unha mina e faleceu e, como lembra Antonio Osende Barallobre —autor dun libro sobre este heroe de Outes—, «levou unha vida azarosa», na que a sorte non lle sorriu. Polo que investigou sobre el, descubriu que se dedicaba á carpintería de ribeira, e que marchou a Asturias, onde traballaba levando carbón ao vapor Inocencio Figaredo. Participou na Guerra Civil española nas filas republicanas, «pero non coñecemos nin que ideoloxía tiña porque só contamos con dúas cartas súas. Se cadra agarrárono e alistárono e tocoulle nese bando, pero é complicado sabelo». O que si puido confirmar é que chegou a combater na batalla de Brunete, onde resultou gravemente ferido, e que ao final do conflito bélico español foi encarcerado en Barcelona, aínda que grazas á intermediación duns amigos da familia acabou liberado.

Fotografía de Manuel Otero
Fotografía de Manuel Otero

 Emigra a Nova York

De regreso á casa natal de Catasueiro, en Outes, as poutadas da fame negra da posguerra e os resquemores entre os veciños que apoiaron un e outro bando, provocaron que decidise facer as maletas e emigrar a Estados Unidos. «Era un home que se buscou a vida, e cando leva dous anos traballando en Nova York dáse conta que para poder prosperar ten que conseguir a nacionalidade. Alistarse no exército é a única vía para ter un futuro nese país», apunta Osende Barallobre.

Foi entón cando o bautizado como «soldado Ryan español» pasou a formar parte da Primeira División, coñecida como Big Red One, do 16 rexemento de infantería norteamericano. Tras dedicar varias semanas para realizar manobras de adestramento que se mantiveron totalmente en segredo, na madrugada do Día D —o 6 de xuño de 1944— desembarcou cos seus compañeiros en Omaha, onde non puido pasar da area, posto que unha mina arrincoulle a vida.

Nun primeiro momento os seus restos foron enterrados xunto cos das máis 6.000 vítimas deste masacre no cemiterio de San Lorenzo de Normandía, pero o pai de Manuel Otero moveu ceo e terra para que o trouxesen para Outes, onde chegarían en setembro de 1948. Os seus familiares gardaron o arcón zinc no que se enviou o féretro, onde estaba gravado o seu nome, número de serie e unidade, uns datos que confirmaban a súa presenza nas tropa norteamericanas, así como un escrito do Gobierno dos Estados Unidos no que se lle concede a distinción do Corazón Púrpura, unha condecoración a todos os mortos en combate.

Foi a partir dese descubrimento cando a asociación coruñesa The Royal Green Jackets, que preside Manuel Arenas, iniciou unha ardua investigación para sacar á luz a historia do único español que participou no desembarco de Normandía. Recoñece que o obxectivo do colectivo é recuperar a historia de personaxes que marcaron a súa pegada na historia, e que Manuel Otero foi un dos máis importantes. «A maioría destas persoas permanecen no esquecemento e queremos dalas a coñecer para futuras xeracións».

Grazas ao seu intenso traballo hai dez anos brindaron o primeiro acto de homenaxe a este veciño de Outes no cemiterio onde está enterrado, e fai cinco viaxaron a Normandía, onde aparece o seu nome na placa que lembra a todos os falecidos na contenda. Onte, 80 anos despois de que Otero falecese, volveron honrar a este heroe cada vez máis coñecido.