Un investimento de 103.000 euros dará continuidade á humanización da rúa da Capela de Outes

La Voz RIBEIRA

OUTES

CEDIDA

A actuación financiarase con cargo ao Plan Único da Deputación

25 mares 2024 . Actualizado ás 14:00 h.

Un investimento de máis de 103.000 euros permitirá dar continuidade ás obras de humanización da rúa da Capela, na localidade da Serra de Outes. A nova fase dos traballos financiarase integramente a través do Plan Único da Deputación provincial.

O Concello de Outes acaba de sacar a licitación as obras cun orzamento total de 103.438 euros, e as empresas interesadas en optar a executar o proxecto teñen de prazo ata o próximo 8 de abril para presentar as súas ofertas. A actuación dará continuidade á humanización iniciada na céntrica rúa, moi transitada e que dá acceso a servizos como o centro de saúde. O que se fará é ensanchar as beirarrúas en ambas as marxes da vía, creando un espazo máis amplo e seguro para o tránsito de peóns.

Así mesmo, o proxecto prevé a renovación da capa de rodaxe da calzada, cunha superficie total de 150 metros cadrados, e dos aparcadoiros. Por outra banda, renovaranse servizos básicos como saneamento e abastecemento de auga, e soterraranse as liñas de electricidade, telefonía e iluminación, así como a recollida de pluviais.

Segunda actuación

Con cargo a este proxecto, tamén se financiarán as obras de pavimentación no camiño da Grela, na parroquia de Cando.

Esta segunda actuación afectará a dous tramos de 400 e 185 metros e incluirá o bacheo do pavimento, a limpeza de cunetas e o tratamento asfáltico para renovar o firme.