O novo alcalde de Outes apelou ao diálogo e á colaboración

Jose Manuel Jamardo Castro
j. m. jamardo RIBEIRA / LA VOZ

OUTES

DANI GESTOSO

Manuel González López pretende que os veciños se impliquen na toma de decisións

16 jun 2019 . Actualizado ás 20:58 h.

DATA E LUGAR DE NACEMENTO

Manuel González naceu en Outes en novembro de 1975.

PROFESIÓN

É doutor en Economía Aplicada e exerce como profesor na Universidade de Santiago de Compostela.

CURRÍCULO

González López comezou moi novo en política, xa que é unha persoa moi ligada ao nacionalismo participando ademais en diversos movementos. Defínese como galeguista e progresista. No ano 2003 xa se sentou por primeira vez na corporación outiense. Esta foi a segunda vez que se presentou como candidato.

Había expectación no salón de plenos de Outes na sesión de investidura do alcalde. O PP e Compromiso chegaban á investidura empatados a concelleiras, pero coa vantaxe do grupo de Manuel González López de ser a opción máis votada o 26M. Esta situación foi determinante pois os catro partidos políticos postuláronse para conseguir a presidencia da corporación. Á hora do reconto non houbo novidade. González saíu do consistorio co bastón de mando e cunha responsabilidade amais dos seus ombros, a de levar as rendas deste municipio. Na súa intervención apelou ao diálogo e á colaboración co resto de compañeiros de corporación.

Numerosos veciños asistiron á sesión máis nobre do mandato e na que mesmo os portavoces dos catro partidos con representación municipal interviñeron no pleno. Manuel González estaba máis que satisfeito tras a sesión. Recoñeceu que na historia da democracia na vila de Outes, «nunca houbo un goberno en minoría, e ademais galeguista e tamén progresista».

Nada máis tomar posesión, no seu primeiro discurso como mandatario, dirixiuse ao resto de grupos para tenderlles a man coa finalidade de traballar «todos xuntos polo ben do noso municipio».

Importante reto

González recoñeceu que para el era unha honra e unha satisfacción poder ser o alcalde da súa localidade natal. «Levo moito tempo traballando en política e isto é un reto moi importante, e ademais temos moito que facer. A partir do luns xa estaremos no Concello para traballar arreo pois unha das prioridades é loitar contra o declive socioeconómico e tamén a caída de poboación».

Entres as súas principais prioridades, segundo apuntou, está a transparencia e tamén que os veciños participen nas decisións importantes, «porque eles son os verdadeiros protagonistas». O responsable de Compromiso Outes gobernará en minoría con cinco concelleiros, os mesmos que ten o Partido Popular, mentres o BNG conta con dous e o PSOE uno.