Francisco Pérez: «A intención era paralizar este goberno administrativa e economicamente»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez NOIA / LA VOZ

NOIA

Elena Fernández

O novo alcalde de Noia fala dunha contabilidade oculta do anterior executivo

07 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

De camiño dunha reunión á seguinte, o novo alcalde socialista de Noia, Francisco Pérez Caamaño (1968), fai unha pausa para analizar as primeiras semanas no cargo, o clima que se respira trala moción de censura que provocou un cambio de goberno despois de 9 anos, e a folla de ruta que seguirá o executivo no tempo que resta ata as próximas eleccións municipais.

—As mocións de censura sempre son controvertidas, que resposta están atopando na veciñanza?

—Eu creo que a xente percibía claramente a necesidade dun cambio porque a traxectoria política do anterior goberno estaba esgotada, e como levamos insistindo e dicindo durante moitísimo tempo, aquí existía unha xestión administrativa pésima, da que derivan todos os problemas económicos e demais que estamos vendo agora.

—Vostede vén do mundo da empresa, que tal o salto á política?

—Eu levo toda a vida no mundo da política, o que pasa é que a xente entende a política só como política da Administración pública. Pero facer política é participar da vida social, da vida común da cidadanía. A xente que está nunha asociación de empresarios ou nunha asociación de veciños está facendo política, porque está incidindo no colectivo e nas accións que inflúen na vida ou na actividade ben dun sector concreto ou ben da sociedade en xeral. Nese sentido, eu sempre estiven en activo. Estiven no club de atletismo, na Cruz Vermella, estiven en Punto Comercial San Lázaro, que despois foi absorbido por Noia Histórica, estiven no GALP e tamén na FEB participando moi activamente... Considerándoo así, pódese dicir que teño bastante experiencia política.

—Está sendo útil toda esa experiencia á hora de enfrontarse ao cargo de alcalde?

—Si o é, aínda que a xestión dun Concello coma o de Noia é moi complicada. Non por ningún aspecto concreto, pero move un orzamento de case 14 millóns de euros e hai cuestións administrativas de calado que se teñen que resolver e requiren un traballo intenso. É certo tamén que dispoñemos dun persoal técnico moi cualificado e que está traballando moi ben, ademais nesta situación de cambio de goberno.

—Dende o minuto un que chegaron puxéronse a facer cousas, dá a impresión de que xa tiñan moi definidas as liñas de actuación.

—Si. Entramos ademais nunha situación complicada na que concorreron distintos aspectos. Por exemplo, aquí había moita xente que estaba de vacacións, e a secretaria que había pediu unha comisión de servizos e estábamos sen habilitado nacional en Secretaría, tivemos que facer unha reestruturación do persoal para poñernos en funcionamento na forma máis eficaz posible. E logo tiñamos tamén unhas festas de Noia que había que sacar adiante. Se ben é certo que había unha xestión do anterior goberno principalmente nas contratacións, non é menos certo que as festas levan unha parte organizativa e operativa que non estaba resolta. Tamén tivemos que enfrontarnos a un problema moi grande co abastecemento, estivemos a piques de quedar sen auga.

—Como está a ser o traspaso de poderes?

—Non houbo traspaso de poderes e non hai colaboración en absoluto de ningún tipo. É máis, eu estou absolutamente convencido de que a intención era paralizar o goberno tanto administrativamente como economicamente. Administrativamente non o lograron e economicamente estamos aínda a día de hoxe loitando para que non se paralice. Pero con serios problemas de dispoñibilidade de créditos.

—Xa viñan advertindo sobre a xestión económica, esperaban o escenario que atoparon?

—Podiamos esperar, porque é habitual cando hai cambios de goberno, que as partidas estiveran esgotadas, pero non esperabamos que non se dotaran os créditos para os compromisos que tiñan adquiridos. E temos un millón de euros de facturas que entraron sen consignación, sen ningún tipo de fiscalización nin conformadas, incluso de exercicios anteriores. O que pasou é que había unha contabilidade agochada do anterior executivo, gastos non recoñecidos que se ían aprazando sistematicamente e ían creando unha burbulla que explotou co cambio de goberno.

«Quero colocar a Noia no lugar que merece»

Di Francisco Pérez que toda negociación política é complicada, pero o certo é que o acordo para a moción de censura foi relativamente rápido, abrindo unha nova etapa política en Noia.

—En que momento comezaron as negociacións para a moción de censura?

—Comezaron cando se publicou a sentenza do Tribunal Constitucional, ata ese momento non había posibilidade. Cando houbo a crise de goberno principal podería haber a posibilidade de que o NOIA abandonase o executivo, pero a súa postura foi clara e polo tanto nós seguimos traballando na oposición. Cando xurdiu a posibilidade comezamos a negociar para intentar conseguir un acordo.

—Foi difícil?

—Todas as negociacións en política son complexas, pero todas as forzas que asinamos a moción de censura, aínda coas nosas diferenzas políticas, estamos moi en sintonía en determinados aspectos como a municipalización de servizos, a necesidade de maior transparencia nas licitacións e a optimización da xestión administrativa. Nesas liñas básicas de actuación, sempre respectando a independencia e os enfoques máis particulares de cada un, temos certo alineamento, non somos PP.

—E agora que está no goberno, que alcalde lle gustaría ser?

—Quero ser un alcalde próximo, que me coñezan e que vexan as miñas capacidades administrativas, que demostrei moitas veces. Quero ter un Concello aberto á cidadanía, que é outro aspecto que cambiamos ultimamente e que creo que a xente está notando, e quero colocar a Noia no lugar que merece porque creo que temos dez anos de auténtica parálise onde o resto dos concellos avanzaron cara diante e nós, como mínimo, estamos estancados.

—Cales van ser as prioridades?

—O primeiro é facerse cargo de determinados investimentos que están en marcha e hai que concluír e empezar a poñer orde na xestión comezando a traballar no orzamento do 2026. E logo manter os servizos públicos e sentar as bases de proxectos de futuro como o polígono.